O Carme dos Pincheiros chega este venres á Pobra do Caramiñal

13 Agosto 2019

20190813. A Casa do Concello da Pobra do Caramiñal acolleu esta mañá a presentación do Carme dos Pincheiros que se celebrará desde a tarde do 16 ao 19 de agosto, coincidindo co terceiro domingo do mes, día no que ten lugar a procesión. Pero xa se ofertou un pequeno adianto o sábado 10 cunha sardiñada. O alcalde pobrense Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e varios membros da comisión destes festexos, entre os que se atopaban José Francisco Millán, Jesús Maneiro, Jean Louis e José Hermo.

Esta festa caracterízase, entre outras cousas, polas comparsas de xigantes e cabezudos que alegran coa súa música e bailes os emprazamentos do municipio –incluída a residencia de maiores-, así como a celebración dos San Xuerguíns, no cal participa a mocidade e que culmina coa festa da auga o sábado 17, ás 16.30 horas.

Tamén destaca a cantidade de agrupacións de música tradicional e os concertos de bandas de toda Galicia que forman parte deste evento. E, como non podía ser doutro xeito, as imprescindibles orquestras.

De feito, este ano actuarán, entre outros, o Grupo de Gaitas Trécola, a charanga Os Santiaguiños, Golpe Radikal, a Banda de Música de Caamaño, a Banda de Música de Ribadumia, o Grupo de Gaitas Xiada, a orquestra Malibú Show e a orquestra Alabama. En total, ao redor da trintena de agrupacións.

O pregón deste ano correrá a cargo das mariscadoras e terá lugar o venres 16, ás 21.00 horas, desde o balcón do Concello.

O domingo 18, ás 18.30 horas, terá lugar a Misa solemne na honra da Virxe do Carme, cantada pola capela de música Lauda Sion. Ao remate, sairá en procesión a imaxe da figura relixiosa, portada por membros da Confraría do Santo Cristo, acompañada dos distintos banderíns e da Banda Militar da Brilat, da Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla e dos xigantes e cabezudos da Confraría do Carme dos Pincheiros, coa colaboración da escola de danza Asociación de Amas de Casa da Pobra. No peirao realizarase a ofrenda das coroas de flores por membros da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores. Finalmente, lanzarase a tradicional traca de fogos.

Na xornada do luns 19, ás 18.30 horas, oficiarase a Misa solemne por tódolos confrades falecidos, cantada por Lauda Sion. A continuación, desfilarán os xigantes e cabezudos da Confraría do Carme dos Pincheiros pola estrada principal ata a praza Segundo Durán, acompañados dos grupos de gaitas Trécola, Rumbía, Barlovento, Xiada, A.F. Chorimas, A.F.C. O Pedrón e da Banda de Música Ateneo Musical da Pobra.

Así mesmo, os máis pequenos da casa divertiranse cos numerosos xogos e tamén haberá festa de escuma.

A queima dos fogos de artificio e o combate naval poñerán o broche de ouro a catro días de festa.

Co obxectivo de garantir a seguridade, o rexedor anunciou que contarán con Protección Civil, Policía Local e un destacamento do Parque de Bombeiros de Boiro.  Do mesmo xeito, avanzou que están negociando cos feirantes para que o luns 19, en horario de 20.00 a 21.00 horas, as atraccións funcionen de balde e sen música para facilitar que as nenas e nenos que padezan autismo, TDAH ou trastornos similares poidan divertirse con estes xogos. Pola súa parte, a edil expresou que “entre todos facemos que sexan unhas festas inclusivas, que se celebren con respecto e tolerancia e que sexan libres de calquera manifestación de violencia.”

Outros artigos

A enseada da Pobra dará a saída á Liga de Cruceiros Ría de Arousa

A unión entre os clubs máis representativos na escena cruceirista de Arousa vai facer posíbel que un ano máis se celebre a clásica regata invernal na ría. Os clubs Arousa Norte (A Pobra ), Ribeira, Rianxo e o centenario Real Club de Regatas de Galicia (Vilagarcía)...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión