A Xunta outorga a Conservas Ría de Arousa (A Pobra) a concesión para ocupar 400 m² no dominio público para un emisario submarino

17 Setembro 2026

A Xunta de Galicia outorgou unha concesión para ocupar 411 m² do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) no concello da Pobra do Caramiñal co fin de instalar un emisario submarino asociado á fábrica de Conservas Ría de Arosa SL.

A Pobra coa Illa de Arousa ao fondo

Segundo o anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, trátase dun novo título concesional, de carácter accesorio e complementario ás instalacións xa existentes —que contan con concesión desde 2018— e destinado a “conducir ao mar as augas residuais industriais previamente depuradas”.

A Xunta lembra que a solicitude inicial fora presentada ante Costas do Estado no ano 2009, expediente que recibiu a Xunta o verán pasado, tras asumir o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión do litoral. A concesión outorgada agora corresponde exclusivamente á ocupación do dominio público necesaria para instalar un emisario submarino asociado á fábrica de conservas, cuxa actividade se desenvolve neste lugar desde 1906.

En concreto, a actuación prevista comprende unha tubaxe enterrada de aproximadamente 435 metros de lonxitude, dos cales 398 metros discorrerán por DPMT, así como un difusor submarino de 13 metros. O caudal máximo diario previsto é de 119 m³. As obras deberán comezar no prazo de 12 meses e rematar antes de 24 meses.

Ademais, o título autoriza “exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre” e non substitúe os demais permisos, licenzas ou autorizacións esixibles conforme á normativa sectorial, engadiu a Xunta.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.