O BNG boirense homenaxeará a Santiago Miranda no Día da Galiza Mártir

16 Agosto 2019

20190816. Con motivo do Día da Galiza Mártir, os nacionalistas de Boiro organizan para mañá, ás 20.30 horas, unha homenaxe a Santiago Miranda Lago na rotonda de Cimadevila.

Santiago naceu en Escarabote o 22 de xaneiro de 1906, fillo de Balbino Miranda Lapido e Amalia Lago Muñiz. Coma a maior parte da veciñanza mariñeira, dedicábase ao mar e estaba casado con María, coa cal tivo catro fillos: Santiago, Pablo, Teresa e Ramona. Hoxe en día só viven netos, pero non residen no municipio de Boiro.

No momento de estalar a Guerra Civil, atopábase traballando en Vigo, concretamente nun barco do bou. Un día que regresou á casa, a súa nai advertiuno de que non fora por Ponte Goiáns, xa que as augas aínda estaban revoltas despois de que días atrás mataran nunha leira ao agricultor Ruperto Lapido, un rapaz de 14 anos que, ao escoitar as tropas, correu dirección á súa casa, pero nunca chegou ao producirse o fatal desenlace. Tamén súa nai, Ramona Noal, caeu abatida cando saíu ao balcón da súa vivenda ao haber tanto ruído.

A pesar do aviso, Santiago encamiñouse a Ponte Goiáns, sendo detido na ‘Curva da Escura’ e conducido ao cárcere compostelá para ser sometido a un xuízo sumarísimo ante un Tribunal Militar que o acusaba de delitos de mala conducta; formar parte da garda que custodiaba os explosivos que antes colocaran na Ponte Goiáns co fin de derrubala, pero nunca chegaron a estoupalos; tenencia ilícita de armas porque a garda que custodiaba os detonantes estaba organizada pola esquerda boirense e provista de armamento; defender e pertencer á Fronte Popular; ou inducir á revolución marxista en Boiro, entre outros. E aínda que non consta que militara en ningún partido nin sindicato, foi acusado por falanxistas de pertencer a unha familia marxista.

Todos estes delitos foron tipificados como rebelión militar e o Tribunal Militar condenouno á morte o día 30 de xaneiro de 1937, xunto con outros seis boirenses.

O alcalde de Boiro daquel momento, Guillermo Torrado, intercedeu por eles, tanto ante Franco coma ante o presidente do Tribunal Militar, pedindo o indulto ou a conmutación da pena de morte, mais non consta que houbese contestación a estes requirimentos.

Igual que os outros condenados, escribiron unha carta de despedida aos seus familiares, todos coa mesma consideración “…somos inocentes, xa sabedes como fomos xulgados… pedide xustiza, se outros non a piden… pero non gardedes odio nin xenreira, porque o noso País non se pode consumir dende o odio… e Galiza necesita de todos vós.” Santiago rematou a súa carta coa seguinte recomendación: “non vos fiedes dos curas.”

O día 23 de febreiro de 1937 son fusilados no cemiterio de Boisaca e soterrados nunha fosa común, coa orde expresa do Tribunal Militar de que os seus nomes non figurasen en ningunha parte. Santiago tiña 31 anos e deixaba muller e catro fillos.

Aos condenados por rebelión militar, requisábanlle os bens ás súas familia, pero pola intervención do rexedor, á de Santiago non lle levaron nada, posto que notificou ao Tribunal que só tiñan o necesario para vivir a muller e os catro fillos. Pero si que perseguiron a aqueles cos que gardaba parentesco coma, por exemplo, o seu irmán Balbino que foi desembarcado en Bilbao.

Por todo isto, o BNG boirense entende que os seus nomes deben saír á luz, nun lugar destacado do seu concello, e as súas familias “deben tamén recibir o recoñecemento merecido, xa que non foron traidores nin rebeldes, senón todo o contrario, morreron defendendo os valores democráticos e a Orde Establecida, fronte precisamente ós traidores.” Pretende así recuperar a memoria que “é do pobo, o relato é do estado neste caso opresor.”

Outros artigos

Boiro impulsa un Camiño Escolar Seguro cara aos centros educativos

O Concello de Boiro e a Policía Local, xunto coa comunidade educativas do CEIP Santa Baia, o CEIP Praia Xardín e o IES Praia Barraña realizaron este 24 de abril unha xornada promocional do Camiño Escolar Seguro. Na actividade participaron o alcalde, José Ramón Romero,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...