20190829 Este mércores 28 de agosto o Ateneo Valle-Inclán de Ribeira acolleu a presentación de Wind Smith (The Fall of Broken Hearts), unha obra de corte fantástico da escritora María Fernández Méndez (ribeirense afincada en Estados Unidos dende os 25 anos) con ilustracións de Regina Gutiérrez. Na presentación, que contou coa presenza do dramaturgo e contador de Ribeira Quico Cadaval, púxose o foco nas orixes do libro (cuxo xermolo remóntase a 2017, logo de que a súa autora pasase moitos anos deixándose acariñar pola idea de escribir, sendo nesa data cando finalmente comezou a súa andaina literaria, unha andaina que xa non houbo maneira de parar) e no feito de que, ao revés ca moitas outras novelas da nosa contorna máis próxima, Wind Smith abrollase primeiro en inglés para logo ser traducida ao castelán (El Otoño de los Corazones Rotos).
Na presentación tamén se fixo referencia á boa acollida que está a ter a novela (moi ben recibida polos lectores na Rede, onde todas as críticas que se reflicten son moi positivas) e á posibilidade (real, firme) de que conte cunha continuación, moi requirida, precisamente, pola ampla comunidade de seareiros que se está a xerar arredor do personaxe de Wind Smith.
O libro, editado polo selo independente CreateSpace Independent Publishing Platform e distribuído pola tenda en liña Amazon en formato papel (inglés e castelán) e ebook (Kindle), é unha novela en inglés que nos aproxima á vida de Wind Smith, que con dez anos de idade e logo de ter sido secuestrada nun centro comercial, descubre (a través do seu secuestrador) unha capacidade que a sitúa un paso por diante do resto dos seres humanos, en termos de evolución humana: a capacidade para transmitir a súa conciencia interior na mente dos demais.
Segundo se fai saber na súa presentación nas redes, Wind Smith é “unha historia sobre o futuro da humanidade e o noso potencial de cambio”, unha historia na que “a viaxe do descubrimento propio de Wind serve de parábola para quen queira facer do mundo un lugar mellor”.