“Somos a primeira axencia de márketing online do Barbanza”- José Manuel Martínez, Nell, impulsor de Checkin Galicia

10 Xullo 2019

20190710 Checkin Galicia é un compendio dese tipo de servizos dos que tanto se fala ultimamente e que todo apunta (absolutamente todo) a que serán cada vez máis necesarios e imprescindibles para as empresas. Servizos como o posicionamento en buscadores, o márketing dixital (mercadotecnia en liña), o deseño ou os recursos para manter clientes no tempo e facernos con outros novos (iso que se chama fidelización), etc. Checkingalicia.com, unha empresa sen fronteiras non que a mercado de clientes se refire, ten seu centro de operacións en Ribeira e en Código Cero quixemos saber como é o día da día dunha firma dixital no medio e medio do corazón pesqueiro e marítimo de Galicia. José Manuel Martínez, Nell, cóntanos as claves da cuestión.

-Nell, aos lectores e aos comunicadores gústanos saber que a información relevante vén moitas veces de onde esa información non se espera. Traballas por conta propia dende o centro de Ribeira, unha cidade tradicionalmente ligada a actividades económicas relacionadas co mar, e, sen embargo, subministras aos teus clientes servizos tecnolóxicos moi innovadores. É complicado estar no mundo das industrias revolucionarias dende un recanto do Barbanza? Sentes que hai algún obstáculo a este respecto?

-Antes de comezar coa entrevista, aproveito para darvos os parabéns polo labor que levades facendo, xa hai tempo en Código Cero, e tamén na nova andaina co xornal dixital O Barbanza. Respecto da primeira pregunta, eu penso que hoxe en día, dependendo do sector, pódese dicir que si, é dicir: pódese traballar e aportar solucións tecnolóxicas dende Ribeira ao resto do mundo pero tamén é importante traballar na túa comarca, por moi modernos e sofisticados que sexamos agora, eu aposto polo contacto humano, saber como respira o cliente é moi importante. Penso que a nivel local á xente gústalle que pases polo seu negocio para entendelo mellor e poder plasmalo na Rede doutro xeito.

Os sectores de empresas coas que traballo son moi dispares e tódolos días aprendes algo novo que no futuro vai ser importante cando teñas que facer calquera acción de márketing. Vexo que moitos negocios aventuraranse nun tempo a facer unha web moi cara e xa está, aí te quedas! Isto foi un problema e segue a ser un problema, as webs teñen que actualizarse para que sexan dinámicas, accesibles para diferentes formatos e telas coma unha patena igual que o propio negocio físico (protección de datos, seguridade, SEO, etc..) A web é un soporte que está vivo e require dunha atención, é o teu escaparate dixital, e se a tes deixada é mellor que non a teñas.

Analizando a fondo e facendo autocrítica do sector, penso que nun tempo non se soubo fidelizar ou dar cunha fórmula axeitada para darlle a continuidade e o seguimento que require a unha web de empresa; tarifas abusivas, esperas moi longas ao teléfono, tardanza nos correos e mil cousas máis.

Contestando á segunda pregunta, direiche como bo galego: que depende; ninguén é profeta na súa terra salvo Quico Cadaval, ao comezo custoume, eu penso que tiña un problema de comunicación, xa que cando ofertaba un produto moi novo falaba con moitos neoloxismos anglosaxóns, isto foi por mor da infinidade de cursos que fixen na época dourada dos cursos: “Uds están en la zona de confort”, nunca estiren dacordo con iso. A verdade é que detectei o problema e propúxenme explicar as cousas cunha linguaxe máis clara e directa. Agora co paso do tempo a xente xa sabe o que fago. Cos clientes locais moi contento, como saberes hai de todo; hai xente que pensa que contratando un servizo básico xa pode dispor de un coma se estivera contratado a tempo completo todo o mes.

-Brevemente e para que o entenda todo o mundo, en que consiste o labor que desenvolves dende Checkin Galicia? Cales serían os servizos que máis destacarías e que máis che rouban esforzo, creatividade e tempo?

-Pódese dicir que somos a primeira axencia de márketing online que naceu no Barbanza. Facemos, entre outras cousas, o saneamento integral con auditoría dixital para que a parte en liña do negocio estea acorde coa física, se é que existe, mercadotecnia dixital nas redes para accións puntuais ou de longa proxección, posicionamento orgánico e de pago. O que máis tempo leva son os traballos de restauración de webs específicas, cada unha ten o seu CMS, a súa programación…, neste momento reconfigurei unha para un cliente en Madrid en tempo récord. Coa creatividade non teño problema, teño a sorte de estar a cavilar sempre, o tempo xa é outra cousa, teño un neno de dous anos, e si quítame un pouco pero encantando.

-Cal foi a orixe de Checkin Galicia? Precísase dalgunha experiencia previa específica para poñer en marcha unha iniciativa empresarial como esta?

-Nun curso do Ministerio de Industria en Santiago, tiña que facer un exercicio coa antiga aplicación móbil Foursquare e o profesor mandounos poñer un nome, elixín este, a verdade que estaba enfocado máis ao turismo pero quedou así. Tamén temos Barbanza Onliñe que é unha páxina de Facebook onde compartimos novas de moitos portais incluído o voso, O Barbanza.

Respecto das cousas que se requiren, necesítase formación, experiencia, traxectoria e constancia co que estás facendo. A miña formación ben das linguaxes máis próximas ao ordenador como son o Ensamblador, RPG, COBOL, C, todo combinado con formación oficial e con formación pola miña conta. Son dos que penso que hai que estar sempre obtendo coñecemento, non facelo porque si, senón por curiosidade pracenteira e con sentido…, e non o digo polo contexto actual do modelo de formación continua.

-Hoxe en día xa non hai mercados delimitados. As novas tecnoloxías e os móbiles acabaron cos escenarios empresariais tal e como os coñecementos. Hai xente que acada máis ingresos traballando con persoas do outro extremo do mundo que traballando cos seus veciños máis próximos. É o teu caso?

-Ben, eu diría que a cousa está nun 60% de traballos para fóra e un 40% en traballos locais, máis ou menos. Os traballos fóra do Barbanza son máis técnicos, máis coma produto, os locais son máis dispares e persoais.

-Que novidades nos vai deparar Checkin Galicia para os vindeiros meses? Tes algún ás na manga que aínda non mostraras e que nin os teus compañeiros, competidores e clientes conseguiran tan sequera ver?

-Novedades Carmiña, gústame ese grupo! 🙂

Fóra bromas, a novidade xa está aquí; nos ratos libres póñome a deseñar camisetas e estou a inaugurar a primeira marca de camisetas feitas no Barbanza, chamase Neoretranca e comezamos facéndolle unha homenaxe ás nosas heroínas de Sálvora, pódense mercar na Imprenta Neoprint en Ribeira. 😉

Nunca me gustou xogar ás cartas, sempre perdía ao mus en Santiago, co cal non teño ningún ás que amosar polo de agora.

Gustaría rematar dicindo que non deixo de ser un autónomo ou un jornalero dixital, aínda que os comezos non foron doados, xa levo máis dunha década adicándome a isto e o máis importante: sendo eu o meu propio xefe.

Pertenzo a unha xeración acostumada aos cambios, isto, xunto coa experiencia e a formación, dá un sexto sentido á hora de medrar cun proxecto.

Outros artigos

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

En Ribeira a rapazada de Banda ó Río estrea un novo parque infantil

O barrio ribeirense de Banda ó Río estrea hoxe un parque infantil completamente renovado. O goberno local, xunto cun bo número de veciños e veciñas, puideron comprobar as novas instalacións de xogo. O investimento para actualizar o Parque de Pedra Pateira ascendeu a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...