O Día da Dorna contará cun ‘Punto Violeta’

20190723. O Centro de Información á Muller de Ribeira porá en marcha mañá, mércores 24, con ocasión da celebración do Día da Dorna e en colaboración coa organización, un punto de información e prevención contra as violencias sexuais.

O punto estará emprazado na praia de Coroso, de 15.30 a 18.30 horas, en tanto que, entre a medianoite e as 03.00 horas, se situará na avenida do Malecón.

Denominado ‘Punto Violeta’, configúrase como un espazo itinerante habilitado en zonas de lecer e festivas de alta concentración de persoas, especialmente de carácter nocturno, onde persoal especializado realiza labores de información, sensibilización e prevención das violencias sexuais.

Apuntan que o obxectivo principal é o de informar, sensibilizar e previr as violencias sexuais, así como ofrecer información, asesoramento e axuda sobre onde acudir e que facer ante unha agresión sexual.

A información que se ofrecerá ás persoas que se acheguen tratará sobre temas de igualdade e prevención de violencias machistas en xeral, ofrecendo ademais información e documentación desenvolvida especificamente para o programa ‘Ribeira libre de agresións sexuais’.

Este mesmo punto xa estivo enclavado na noite do 19 ao 20 de xullo na zona de Bandourrío.