O Concello de Boiro quere devolver ao Pazo de Goiáns o seu esplendor de antano

01 Xullo 2019

20190701 O Concello de Boiro comeza da man de José Ramón Romero García (Martiño) e o seu equipo de Goberno unha nova andaina política, social, económica e, tamén, cultural. Acompañando esta nova etapa, centralizando parte das dúbidas e requirimentos da cidadanía, atópanse cuestións longamente adiadas como a da nova vida do Pazo-Torre de Goiáns, recentemente esborrallado e incluído, polo seu longo historial de desleixo e ruína, na listaxe vermella de bens ameazados que elabora Hispania Nostra.

A lexislatura anterior rematou achegando un algo de esperanza: en abril o Executivo boirense convocou un concurso para levar a cabo a rehabilitación do inmóbel, ao que aspiraban dúas empresas do sector. O novo Goberno de Martiño seguirá por esta senda da esperada rehabilitación e posta en valor, pero cunha serie de novidades moi salientábeis. Para comezar, ten previsto un estudo para declarar tanto o edificio como á súa contorna Ben de Interese Cultural (BIC).

En termos máis concretos, o novo alcalde comunicou a O Barbanza a intención do Concello de “manter a estrutura existente e dar tamén os primeiros pasos para devolverlle ao xardín o esplendor de antano”, ao que se sumaría unha nova liña de actividade que estaría directamente encamiñada a xerar oportunidades formativas para os colectivos locais: “Vemos moi interesante fomentar os obradoiros de emprego neste espazo”.

Entre as tarefas pendentes, recoñece Martiño, tamén figura a de “estudar a remodelación do equipo de Goberno anterior, xa que a modificación das paredes interiores e o tellado non foi acertada”.

O proxecto previo

O proxecto do anterior Executivo incluía unha reforma íntegra da vivenda principal e da torre, ao mesmo tempo que se mantería a feitura orixinal das escaleiras, os muros e a balaustrada. A iniciativa tería un custe de arredor de un millón de euros. A intención era pór en valor o edificio e toda a súa contorna, incluídos os xardíns a día de hoxe comestos polo abandono, uns xardíns que pola gran riqueza dos seus elementos (estatuas, pedra gravadas, fontes, especies vexetais de gran valor), o escritor e historiador Manolo Gago sitúa ao mesmo nivel de beleza cós do Pazo de Oca, na Estrada. Os traballos a despregar inclúen estancias polivalentes para exposicións, conferencias ou obradoiros e unha biblioteca.

Esquecemento

A construción, que ten titularidade pública, leva anos sen acoller ningún uso de tipo público, cultural, social, creativo, dinamizador ou artístico. Nada que frease a súa imparábel caída no esquecemento e no desleixo. O resultado de toda esta paréntese administrativa (máis ben, parálise administrativa atribuíbel a todo tipo de entidades públicas con competencias en Goiáns) é un exemplo do que nunca debe facer un país, sexa civilizado ou non: deixar que os seus tesouros, que tivo o privilexio de recibir logo do paso dos séculos e de múltiples acontecementos históricos, esmorezan. Segundo se nos confirma na páxina Patrimoniogalego.net, o estado de conservación é malo. Recentemente, como dixemos, o catálogo estatal Hispania Nostra incluíno na súa listaxe vermella de bens ameazados.

Un algo de historia

Estamos ante o monumento máis importante de Boiro e do Barbanza? A moitos non lles trema a voz á hora de dicir que si, e non son poucos os que o sitúan á altura das construcións máis esplendorosas e sobranceiras de Galicia e España.

O Pazo-Torre de Goiáns, cuxa parte arquitectónica xa é Ben de Interese Cultural (BIC), está emprazado na parroquia de Lampón, en Boiro, e é unha construción de época baixo-medieval, que foi fundada a mediados do século XVI e que logo recibiu diversos engadidos (até o XVIII) que foron enriquecendo a súa estrutura. Amais da torre e do salón nobre, ten elementos que fan inesquecíbel calquera visita, como as escaleiras que culminan no miradoiro con balaustrada da torre, que ten conexións claras coa arquitectura compostelá (foi reconstruída logo da revolta dos Irmandiños por Domingo de Andrade, autor da torre da Berenguela da Catedral de Santiago). Na torre-pazo viviron familias como Soutomaior, Caamaño, Mariño, Varela, Ulloa, Mendoza ou Castro e Parga. O recinto acubilla unha capela, pombais, unha fonte de pedra e o devandito embarcadoiro ao río Coroño.

Outros artigos

Boiro impulsa un Camiño Escolar Seguro cara aos centros educativos

O Concello de Boiro e a Policía Local, xunto coa comunidade educativas do CEIP Santa Baia, o CEIP Praia Xardín e o IES Praia Barraña realizaron este 24 de abril unha xornada promocional do Camiño Escolar Seguro. Na actividade participaron o alcalde, José Ramón Romero,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

“Na memoria da veciñanza”. Luís Celeiro

Ela pensaba que morría aquela mesma noite. Despídese das amizades, dos poucosfamiliares que lle quedaban, vai ao refuxio dos animais abandonados e dálle un bico a cadaun dos cadelos e a algunha das cadelas que moraban naquel espazo cheirento, naquel lugarque fedía e...