
20190726 O fume do tabaco e as cabichas hai tempo que non fan boa combinación coas praias, se é que algunha vez chegaron a facela. Os Concellos da nosa comarca hai tempo que o entenden así e esta semana puidemos coñecer novas ao respecto. Primeiro, o recoñecemento da Xunta ao municipio de Rianxo como un dos máis comprometidos contra o tabaco nas praias (ten toda a súa listaxe oficial de areais adherida á Rede Galega de Praias Sen Fume). Segundo, o fortalecemento da mobilización de Pobra a prol da loita contra este hábito nos areais. A iniciativa foi dada a coñecer polo Concello e tradúcese na blindaxe anti-tabaco da contorna de O Areal.
Segundo explicou esta semana o Goberno pobrense, a súa participación activa na Rede Galega de Praias sen Fume traducirase nun convite ao colectivo de fumadores para suspender o seu hábito durante as súas estadías na praia mesma. A campaña estase a materializar na Pobra coa entrega de material informativo entre a cidadanía.
O Concello valorou o compromiso medioambiental, ecolóxico e saudábel da iniciativa: “Trátase de que as praias estean ceibes de adultos que fumen, e con iso lle dean un bo exemplo aos nenos; con isto des-normalízase o hábito de fumar e contribúese ao coidado do medio ambiente”. Tamén se informou de que a medida, malia estar activa polo de agora en O Areal, levarase en datas vindeiras a outras praias do concello (por exemplo na Corna).
Praias sen Fume é unha iniciativa da Consellería de Sanidade, pioneira a nivel estatal. A rede comezou a súa andaina no ano 2016, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona de 2012. A día de hoxe está integrada por 141 praias de 64 concellos (podémolo ver neste PDF), unha comunidade que medra cada ano (en 2016 a rede comezou con 26 praias e 19 concellos) e que abrangue non só municipios costeiros, sen tamén do interior, con praias fluviais. A iniciativa ten o obxectivo de educar e sensibilizar sobre os efectos negativos do tabaco, poñendo o foco no seu consumo nas praias, onde non só é prexudicial polo fume causado, senón por rematar, boa parte das cabichas, entre as areas.
En Barbanza, Rianxo conta coas seguintes praias adheridas: Tanxil, As Cunchas, Porrón e A Torre. Ribeira ten protexidas as praias de Río-Azor e O Touro, Pobra ten O Areal e Boiro, Barraña e Carragueiros.