A Dorna pide paso con música en directo e exposicións

19 Xullo 2019

20190719 Comezou a Festa da Dorna e fíxoo como debe facerse: ao grande. O 18 de xullo, marcado no calendario como a data oficial para sacarlle a cotra ás camisetas dorneiras, arrancou no parque García Bayón coas probas de habilidade aos profesionais (presentes e futuros) da hostalería de Ribeira e logo colleu forza co concerto de De Vacas na porta do Sol, a partir das 9.30 horas, onde o público asistente puido descubrir como gañan en calidade e profundidade, a gholpe de retranca galega, cancións de éxito que nos artistas orixinais nos deixarían certamente indiferentes.

A festa xa non houbo quen a parase coa macroqueimada dorneira, celebrada no mesmo céntrico escenario da porta do Sol despois do concerto de De Vacas, e co concerto de Sés, que se desenvolveu (moi axeitadamente) de maneira complementaria e simultánea que a degustación da queimada.

Un intre do concerto de De Vacas, na praza da Igrexa (porta do Sol)

E que cousas nos agardan hoxe 19 de xullo? Pois unha serie de cousas que confirmarán a gráfica ascendente da troula dorneira, unha gráfica que vai dereitiña a saírse por enriba dos límites da táboa. Ao mediodía será a hora da Jran Exposisión Mariñeira, no treito peonil da rúa Rosalía de Castro, para dar comezo á segunda Xunta de Embarsións Tradisionais da Festa da Dorna.

Pola tarde, ás 17.30, será a Feira das Culturas, a carón do local Cocoluche para, ao mesmo tempo, comezar co engalanamento das fanequeiras, as sedes de operacións das peñas dorneiras.

Xa pola noite, no escenario da porta do Sol, actuarán A Banda da Loba e a Dominic Graham Irish School. Un chisco máis tarde, ao fío das 23.00 e no chiringuito de Pedra Pateira, achegaráselles aos veciños unha boa ración de metal, non de carpintería senón musical, a cargo de Zona Zero, Satxa, M.A.M.U.T e The Conspiracy.

Sobre as 00.00 horas dará comezo o certame Dansing In The Sit, entre a porta do Sol e o restaurante Penín. Mentres, na praza de Compostela actuará Recambios Tucho, e, ao mesmo tempo, celebrarase unha sesión DJ en Bandourrío, a carón do Heaven and Hell, co presenza de DJ Chupas. Amais, entre a Recoveira e o Ventos actuará DJ CT.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...