Os clubs náuticos luciron calidade de servizos perante xornalistas europeos

21 Xuño 2019
A visita dos xornalistas ao Club Náutico de Rianxo

20190621

Os nosos clubs náuticos veñen de lucir servizos, instalacións, excelencia e calidade perante a comunidade internacional. Estamos a falar dunha serie de visitas de xornalistas ingleses, franceses e portugueses ás dependencias dalgúns dos principais clubs da nosa costa, co obxectivo de coñecer de primeira man a calidade e actividade das instalacións e dos servizos que ofrecen ás embarcacións que recalan nelas, sexan do país que sexan. As estadías, organizadas pola Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA) coa colaboración do IGAPE, celebráronse este mes de xuño ao longo de catro días e coa participación de dez dos trinta clubs da devandita entidade galega. O programa de arribadas dos xornalistas europeos abrangueu aos náuticos de Boiro (Marina – Cabo de Cruz), Barraña (Boiro), Ribeira e Rianxo.

Entre os principais puntos de interese (os elementos onde máis centraron cadanseus puntos de mira) dos participantes nas visitas figuraron os seguintes: número de amarres, accesos por mar e terra, mariña seca, varadeiros para reparacións, travel, oferta de hostalaría, servizos de vixilancia, conexións marítimas ou redes de comunicacións e gastronomía. “O obxectivo dos clubs é promover o turismo e o deporte, de forma que os nosos prezos son sempre moi competitivos”, explicaba o presidente de ASNAUGA, Javier Ruiz de Cortázar Díaz, que foi o encargado de exercer de anfitrión e guía dos xornalistas.

Participaron o Real Club Náutico de Ribadeo, o Club de Mar de Ferrol, o Club Náutico Ría de Ares, o Club Náutico de Sada, o Real Club Náutico da Coruña, o Club Náutico de Camariñas, o Real Club Náutico de Portosín, o Club Náutico Deportivo de Ribeira, o Club Náutico de Barraña (Boiro), Club Náutico de Boiro-Cabo de Cruz e o Club Náutico de Rianxo, rematando a estadía nunha excursión en barco polo río Ulla en barco, visitando Padrón e asistindo á entrega de premios da regata Elidente organizada polo Club Náutico de Rianxo.

Nas recaladas estaban presentes xornalistas internacionais como Vasco de Melo Gonçalves, correspondente de Náutica Press e Anuario Náutico, publicacións especializadas portuguesas; Guy Venables, correspondente da revista Classic Sailor Magazine e colaborador de diversos medios da cidade de Bristol, ou Manuel Pasión, responsábel para España da aplicación Navily.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...