O xuízo polo crime de Diana Quer comezará o próximo 29 de outubro

12 Xuño 2019

A Sección Sexta da Audiencia Provincial de A Coruña, con sede en Santiago, xa decidiu cando comezará o xuízo pola morte de Diana Quer. O día 29 de outubro celebrarase a primeira sesión segundo recolle un auto divulgado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. No banco dos acusados sentará o único procesado por este crime, ocorrido na Pobra do Caramiñal en agosto de 2016, José Enrique Abuín, alcumado o Chicle. O xurado deberá deliberar sobre uns feitos que poderían constituír delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal.

A resolución establece como feitos xusticiables, a abordar no xuízo oral, que o acusado presuntamente abordase á vítima nas inmediacións do paseo marítimo pobrense de O Areal, durante a madrugada do 22 de agosto de 2016, cando ela se dirixía ao seu domicilio de veraneo. Tamén que, nesa zona, se levase a cabo a presunta introdución “pola forza” no maleteiro do vehículo do acusado, para acto seguido suxeitala cunhas bridas e amordazala con cinta adhesiva.

Por outra banda, tamén se tratarán outros asuntos derivados das dilixencias practicadas, como que o encarcerado por esta morte violenta supostamente arroxase o móbil de Diana Quer polo portelo á ría de Arousa mentres circulaba con ela no interior do turismo pola ponte da AG-11 á altura da parroquia rianxeira de Taragoña. E que, tras chegar a unha nave abandonada no lugar de Asados, onde tivo á vítima “atada, sometida e aterrorizada”, finalmente violouna.

Posteriormente, e co obxectivo de ocultar os feitos, estrangulouna e arroxou o corpo a un pozo cheo de auga, ao cal regresou pasados uns días para lastralo cuns bloques e evitar así que flotase na superficie.

O alto tribunal provincial tamén determina como feito xusticiable que o acusado recoñecese, mentres estaba detido, “pola súa propia vontade” o presunto asasinato, cuestión que resultou “indispensable para recuperar o corpo.”

Outro dos asuntos que destaca a Audiencia de A Coruña no auto correspóndese a que “en relación ás probas relativas a outros feitos distintos do axuizado que sexan obxecto dun proceso penal” non se permitirá a práctica de proba no xuízo que pretenda “demostrar ou refutar tales feitos.”

Deste xeito, só se consentirá a aportación de documentación “que constate suficientemente o obxecto deses procesos, o seu estado procesual e que a suposta intervención neles se lle atribúe ao acusado.”

O tribunal xustifícase en que “someter a quen ten a condición de vítima de outros actos supostamente realizados polo acusado a unha comparecencia noutro proceso xudicial sería por enteiro innecesario e vulneraría o Estatuto da Vítima.”

Outros artigos

O Elma acolle este venres a proxección de “Matria”

O Teatro Cine Elma da Pobra do Caramiñal, no marco do ciclo Venres de Cine, acolle este venres 13 de febreiro a partir das 21.00 horas a proxección do filme galego Matria, dirixido por Álvaro Gago. A entrada é de balde ata completar a cabida. Organiza a concellaría de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Obrigacións e dereitos”. Luís Celeiro

“Obrigacións e dereitos”. Luís Celeiro

Era un gusto falar con el e escoitalo falar, ata que chegaba a hora de pagar. Despois devarios anos, todos esperaban todos os días a que pagara el, pero nunca acontecía o milagre.Era agarrado, un cotroso e conicho como son os coreños. Na taberna pedía do mellor,...