
O escenario político de Ribeira continúa caracterizándose pola incerteza do que sucederá no pleno de investidura do sábado, aínda que segundo os últimos acontecementos todo apuntaría a que o popular Manuel Ruíz resultaría reelixido alcalde en minoría, xa que as outras forzas políticas non chegaron a ningún tipo de acordo ou pacto.
O BNG celebrou unha asemblea local na que aprobou a abstención do partido no pleno de investidura, ao mesmo tempo que ratificou a Xosé Vázquez Cobas como líder da formación.
Tamén Suma Ribeira, con Xurxo Ferrón á cabeza, celebrou unha asemblea na que acordaron “non apoiar a ningún dos posibles candidatos na votación no vindeiro Pleno de proclamación do Alcalde”, polo que se absterán.
Así mesmo, o PSdeG-PSOE encabezado por José Manuel Vilas organizou o sábado unha asemblea onde acordaron votar polo seu candidato, o cal “non é incompatible, en ningún caso, con seguir dialogando co resto de forzas políticas” para a elección do próximo día 15 e que se o resto de formacións deciden apoiar o seu proxecto, están dispostos a constituír un goberno municipal en minoría.
Pola súa parte, o líder do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, convocou onte unha reunión con BNG, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira co obxectivo de buscar “unha alternativa a este tipo de políticas inmaduristas, este tipo de políticas antipactoriais que se fixeron nestes últimos anos en Ribeira”, sinalando que tenderán a man para un cambio e agardarán ata o último minuto, así como que votarán polo seu candidato. Os nacionalistas ribeirenses rexeitaron a invitación “en conformidade co acordado na asemblea que celebramos”, ademais de que consideran que a formación liderada por Vicente Mariño non é o cambio para o municipio, polo que reiteran que se absterán porque “non imos favorecen ningún goberno de dereita.” Despois do encontro, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira indicaron que a súa decisión non cambiara, polo que votarían polo seu cabeza de lista e se absterían, respectivamente.
A lista do PP liderada por Manuel Ruiz Rivas logrou ser a máis votada mantendo así os 9 escanos cos que xa contaba, pero sen acadar a maioría absoluta estipulada en 11. O Partido Barbanza Independente de Vicente Mariño de Bricio irrompeu no panorama político ribeirense con 7 actas, mentres que tanto o PSdeG-PSOE coma o BNG, encabezados por José Manuel Vilas Álvarez e Xosé Vázquez Cobas respectivamente, conseguiron 2 concelleiros cada un. E tamén destaca a entrada en escena da agrupación Suma Ribeira con Xurxo Ferrón Vidán á cabeza que acadou 1 edil. Deste xeito, Iniciativa Progresista de Ribeira capitaneada por Rosa García Pose e Ciudadanos por Laura Riveiro Rodríguez perderon os seus representantes na corporación municipal, así como o Compromiso por Galicia de Óscar Casáis Montemuíño que non conseguiu entrar no consistorio.