O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acompañou aos alcaldes e alcaldesas da comarca de Arousa nunha visita á praia do Carreirón, na Illa de Arousa, un dos puntos do litoral arousán máis afectado pola “marea plástica” dos pellets esparexidos polo buque Toconao. Dende alí denunciou o que considera “as mentiras de Rueda, unhas falsidades que tentan ocultar dende hai un mes”, dixo, “a catástrofe ambiental que afecta ao litoral galego dende o pasado decembro”. E engadiu: “Non lles boto a culpar da marea plástica, pero si de que nos mentiran, de que non actuaran e de que estean ausentes; merecemos un Goberno que non nos minta”, dixo, denunciando que xa son case 80 os areais contaminados nas tres provinciais costeiras galegas.

Besteiro, acompañado do alcalde da Illa, Luís Arosa, coñeceu o impacto ambiental nesta contorna natural da ría de Arousa, de onde se teñen recollidos tres sacos procedentes do vertido do buque Toconao e tamén moitos quilos de bolas esparexidas pola praia.
Na visita ao Carreirón estivo tamén o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, e os alcaldes socialistas de Vilagarcía, Alberto Varela; Cambados, Samuel Lago e Meis, Marta Giráldez, desculpando a súa ausencia o do Grove, José Cacabelos, por convalecencia. En conxunto, denunciaron “a carencia dun protocolo da Xunta para o tratamento dos residuos que se van retirando da praia”. Así, sinalaron que “as consellerías do Mar e Medio Ambiente pásanse as chamadas dunha a outra sen dar unha resposta sobre que facer cos plásticos retirados das praias tanto polos equipos municipais, como polas persoas voluntarias”. E engadiron: “Os concellos, unha vez máis, quedaron abandonados”.

O candidato socialista resumiu o que está a suceder como “un mes de catástrofe institucional” dunha Xunta que, na súa opinión, “foi incapaz de utilizar todos os recursos que tiña ao seu redor e que lle brindou o Goberno de España e que mentiu ao dicir alegremente e sen mostrar as probas que os plásticos non son tóxicos, en contraste coa opinión da máxima autoridade ambiental da Fiscalía, que si detectou indicios de toxicidade”. Segundo dixo, “á conselleira de Medio Ambiente só lle faltou dicir que os pellets saben ben.
Criticou tamén á xunta pola tardanza en activar o Plan de Alertas por Contaminación Mariña en Galicia (CAMGAL) e “por negarse despois a activar o nivel 2 da alerta, que implicaría a participación do Estado, coa axilidade coa que o Goberno do Principado de Asturias apostou pola colaboración institucional activando o nivel 2 do plan asturiano”.



