
Continúan en Dodro as mobilizacións da veciñanza, apoiada por agrupacións política como o BNG local, para acadar un mellor servizo no Centro de Saúde, que, segundo explican, está a ser vítima dos recortes en saúde perpetrados polo Goberno galego. Pasada a xornada de protesta a este martes, por cadrar o luns 25 de decembro en festivo (Día de Nadal), as veciñas e veciños achegáronse ao ambulatorio emprazado en Lestrobe acompañadas/os pola parlamentaria do BNG Iria Carreira, que puido tomar nota das queixas polos recortes, “hoxe ademais con dúas persoas menos”, sinalaron.
A veciñanza que acudiu ao Centro de Saúde agradeceu ao BNG a actividade desenvolvida para reclamar á Xunta a recuperación do servizo, ao mesmo tempo trasladoulle os problemas e trastornos que sofren ao non ter a mesma asistencia sanitaria que tiñan hai un mes.
“Nunha hora unhas corenta reclamacións dan boa conta do cabreo polos recortes”, dixo o portavoz municipal Xoán B. Mariño, engadindo que “hoxe o servizo de enfermería e médico do andar de arriba avisaban que se atende no andar de abaixo”.
A deputada do BNG Iria Carreira cursou no Parlamento, debido a esta situación as demandas veciñais de Dodro coa intención de “que a Xerencia da Área Sanitaria compostelá lle devolva a Dodro a normalidade e así non saturar outros servizos como PACs ou urxencias hospitalarias”.



