A veciñanza de Corrubedo, co apoio dos membros do equipo de Goberno do Concello de Ribeira, presentou este mércores 18 de outubro 1.502 sinaturas para solicitar a instalación dun caixeiro automático na parroquia.

Acompañados por varios membros do Executivo local, veciños da parroquia de Corrubedo presentaron os apoios recadados no servizo de Atención Cidadá do Consistorio ribeirense co propósito de que as entidades bancarias fagan efectiva esta demanda coa mediación do Concello. “Dende o Goberno municipal imos apoiar esta petición” afirmou o alcalde Luís Pérez. “A veciñanza das parroquias precisa dos mesmos servizos dos que dispón a poboación do núcleo urbano de Ribeira”.
A parroquia de Corrubedo ten unha poboación de 600 habitantes pero o servizo de banca máis próximo está a 10 quilómetros. Deste xeito, o rexedor confirmou que trasladaría a petición ás diferentes entidades bancarias para que a veciñanza de Corrubedo dispoña deste servizo básico “para que as persoas maiores non teñan que dispoñer do transporte público ou de outras persoas para vir a Ribeira a facer xestións bancarias”, explicou.



