A plataforma Stop Deshaucios Barbanza informou dun novo caso de familia en risco de quedar sen o seu fogar. Trátase dun núcleo familiar residente de Ribeira, que está a facer novos esforzos para que a entidade financeira Abanca avéñase a negociar un alugueiro social, de acordo co Código de Boas Prácticas. Estes esforzos, que xa veñen de tempo de atrás, teñen o obxectivo de permitir aos ditos veciños de Ribeira seguir vivindo na súa vivenda habitual, evitando así o desaloxo, sinalado por parte do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Nº 3 de Ribeira para este 17 de outubro ás 10.00 horas da mañá.

Desde Stop Desafiuzamentos Barbanza explican que están a traballar tamén a prol desta “posíbel solución habitacional” así como co avogado de oficio da propia familia e desde a propia Oficina da Valedora do Pobo.
Segundo engade a plataforma, a unidade familiar non supera tres veces o límite do IPREM. Ademais, o cabeza de familia ten un traballo estacional e o outro membro atópase en desemprego, sen percibir ningún tipo de prestación económica.
E conclúe Stop Deshaucios: “A entidade financeira Abanca ten a obriga de realizar un ofrecemento dun alugueiro social axeitado e a un prezo accesíbel, en función dos rendementos económicos da propia unidade familiar, en todo caso, que non supere o 30% dos ingresos familiares”.



