O BNG de Rianxo compartiu un comunicado no que se propón unha carta directa ao actual equipo de Goberno local e máis concretamente ao alcalde Julián Bustelo, con motivo das dedicacións exclusivas e da proposta do Executivo de Rianxo en Común de manter unha das dúas dedicacións exclusivas existentes previamente e tres dedicacións parciais. Na carta o BNG refírese aos supostos impedimentos que estarían a poñer os partidos da oposición á aprobación das ditas dedicacións, cousa que estaría na raíz da acumulación (a estas alturas) de preto de dous meses sen obter a remuneración correspondente. Os nacionalistas propoñen unha volta ao diálogo e aos acordos democráticos, que son inevitábeis tendo en conta, din, a opción de goberno elixida por Rianxo en Común tralas eleccións municipais. Así, sinalan na misiva o seguinte:
“A poboación de Rianxo, nas eleccións municipais non escolle alcalde ou goberno, escolle concelleiros, e a raíz deses votos escolleu cinco concelleiros para RC, PSOE e PP e dous para o BNG, sendo o seu partido o mais votado, pero recordemos que coa ínfima marxe de 20 votos sobre o segundo. No pleno de investidura , con data de 17 de Xuño, foi vostede nomeado alcalde de Rianxo. Unha vez co nomeamento de alcalde ten vostede a obriga de formar goberno, e dados os resultados ten vostede dúas vías, sendo ambas igual de lexítimas, pode tentar negociar un goberno de coalición con outro ou outros grupos da Corporación para garantir maioría suficiente ou optar por un goberno en minoría. Vostede optou por esta segunda posibilidade, sen dar lugar a negociación. Como vostede mesmo dixo era unha decisión tomada antes da súa toma de posesión. Unha vez aclarado o feito de que continuarían o goberno en minoría, ten que ter en conta dous feitos que van determinar a súa acción: o seu executivo queda constituído por cinco persoas e a oposición por doce. Isto obrígalle a negociar todos os supostos que deban ir ao pleno co resto dos grupos, fálese de orzamentos, remuneracións do goberno, obras, servizos, etc”.
E continúan: “Dende o B.N.G., pedímoslle e suxerímoslle que vostede como alcalde e o grupo de RC respecten o principio fundamental da democracia local que asigna á Corporación a responsabilidade de acordar sobre os asuntos que lle pertencen por competencia. Remate xa coa súa campaña de culpabilizar ao conxunto da oposición dunha situación certamente anómala pero da que vostedes son os únicos responsables. Se efectivamente Vostedes ademais de lamentarse consideran que non é unha
situación razoábel, escoiten e atendan as propostas e suxestións que a Corporación con moito respecto lle está a expoñer. Se efectivamente queren resolvela abran o camiño para adoptar decisións
participadas pola oposición, e se non queren facelo, respecten o mandato da Corporación e deixen de laiarse”.



