O Goberno local de Ribeira fixo balance dos labores realizados para acondicionar o viario local con vistas a protexer á poboación e ás estradas dos incendios, e con vistas tamén a acadar unha mobilidade máis segura. Segundo fixeron saber fontes do Consistorio, os traballadores do Concello de Ribeira acometeron no último mes traballos de roza en máis de 25 quilómetros de camiños e estradas en todo o termo municipal.

“Estas tarefas son esenciais para a prevención de incendios así como para evitar a acumulación de sedimentos”, explicou o alcalde Luís Pérez Barral, engadindo que “por iso estamos a limpar as gabias e cunetas antes de que comece a tempada de chuvias”.
Os traballos centráronse sobre todo en Aguiño, Corrubedo, Palmeira e Oleiros, e axiña comezarán en Artes, Olveira, Castiñeiras e Ribeira.



