A xira de O furancho, o espectáculo da compañía Ibuprofeno Teatro, visitará sete concellos galegos dentro da programación do FalaRedes, o programa de dinamización do galego impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García. Os seareiros do Barbanza teremos ocasión de achegarnos a Valga para asistir a este espectáculo.

O furancho é unha comedia que ten como protagonistas a Isabel Risco e Marián Bañobre, na que a través da metáfora gastronómica preséntanse cuestións que afectan á sociedade contemporánea tales como a pobreza cultural ou como nos definen as escollas que facemos. A peza, dirixida a un público adolescente e adulto, está escrita e dirixida polo propio Santiago Cortegoso.
O espectáculo, que se estreou o 27 de febreiro de 2015 no Auditorio Municipal de Cangas, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Vestiario e o Premio FETEGA (Festival do Carballiño) ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
A xira comezou os días pasados no Centro Ágora da Coruña ás 21,00 h. Despois, segue durante todo o mes de xullo polos seguintes concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística: Ortigueira (Teatro de Beneficiencia) o xoves 6, Rois (Auditorio Municipal) o venres 7, Verín (Auditorio Municipal) o sábado 8, Melide (Auditorio casa da Cultura) o domingo 9, Ribadumia (Auditorio Municipal) o sábado 22 e Valga (Auditorio Municipal) o venres 28.
As datas e as horas exactas poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.



