A Área de Igualdade da Deputación da Coruña vai dar continuidade en xuño á campaña Liberdade de ser e sentir que tradicionalmente celebra neste mes con motivo do Día das Diversidades Sexuais, cunha xornada sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional e o rural galegos. Trátase da xornada Correr e Cantar, que se celebra o sábado 17 de xuño e que forma parte dun proxecto máis amplo titulado Rural e tradición, un fogar en igualdade, que está comisariado por Sergio Marey e que busca amosar a realidade do colectivo LGBTIQA+ nas aldeas e na cultura do país. A xornada comprenderá relatorios, mesas redondas, concertos, contadas e rematará cunha foliada.

Abrirase cunha presentación e mostra de resultados dunha recollida feita polo propio comisario, Sergio Marey, xunto a Atenea García, na zona de Bergatiños para coñecer a realidade do colectivo nesta contorna da provincia coruñesa. Alí escoitaron, falaron, recorreron vilas e aldeas, e investigaron para tratar de recoller toda a información posíbel de persoas disidentes de antes e de agora. Así, no inicio da xornada amosarán esta recollida e as reflexións ás que chegaron.
O día continuará cunha mesa redonda, Creación contemporánea dende a tradición, moderada por Mercedes Peón e que contará con artistas como Berto, Meiga-i, Eva Outeiro de Toma a Terra, Gabi Reboredo, O Rabelo e Olalla Liñares de Oîma.
A tarde comezará do mesmo xeito, cunha mesa redonda, A muiñeira, unha bandeira LGBTIQA+, moderada por Diego Salgueiro (integrante do Orgullo Crítico de Nigrán, bailador e tocador) que contará con diferentes persoas do colectivo vinculadas á música tradicional e o rural que falarán da súa experiencia e realidade como persoas LGBTIQA+ nestes ámbitos.
A continuación virá unha actividade para adultos de Atenea García, titulada Vicio houbo sempre, á que seguirá Noemi Basanta, integrante das Adufeiras de Salitre e doutora en Filoloxía Galega, falando das ideoloxías e posicionamentos de xénero no baile e a música tradicionais galegas.
O broche final desta xornada será a actuación das Tocadoras da A.C. Raigañas de Cerqueda, que cantarán coplas de temática LGBTIQA+ dun libro que sairá máis adiante deste proxecto, e serán as encargadas de abrir a foliada que concluirá o día e celebrará a tolerancia e a igualdade das persoas, con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero.
Rural e tradición, un fogar en igualdade
Rural e tradición, un fogar en igualdade é un proxecto que busca facer visíbeis ás persoas LGBTIQA+ na música tradicional e rural galegos. O proxecto achega unha relectura, histórica e social, desde unha nova perspectiva e derrubar o constructo cisheteropatriarcal.
Este proxecto confórmase arredor de varios eixes. Por un lado a xornada Correr e cantar, e por outro, un libro que recolle todo o traballo de investigación realizado por Sergio Marey e Atenea García, así como diferentes experiencias de persoas de toda a Galiza con vínculos co rural e a tradición musical. O libro, ademais, funcionará como un cancioneiro popular LGBTIQA+ posto que todas esas persoas escribiron coplas con esta temática para que se canten en foliadas por todo o país. O último dos eixes será unha exposición itinerante que irá viaxando polos concellos da provincia.




