
Os grupos que conforman a Corporación Municipal de Ribeira desexan transmitir o seu máis sincero pesar polo pasamento no día de onte de Manuel Ayaso Dios, Fillo Predilecto da cidade e un dos artistas máis sobranceiros do Concello, de Galicia e de toda España.
Queremos expresar o noso pésame aos seus familiares, amigos e veciños e foráneos en xeral que se sentiron cativados por este creador universal, posuidor dun estilo único e inconfundible só a altura dos grandes mestres como Goya ou Picasso, o que o fixo merecedor de innumerables distincións: Premios Trubeck, Premio de Pintura da Fundación Tiffany, Premio Purchase do Museo Estatal de Nova Jersey, Premio de Artes Plásticas de Galicia, Premio Barbantia e moitos outros.
Para quen habitamos neste municipio constitúe unha inmensa perda no persoal e no institucional. Sumámonos ás exequias da familia, gardaremos un minuto de silencio e un crespón pende xa da fachada consistorial. E por sempre quedará na praza do Concello a escultura en bronce coa súa efixie, e que contén os versos dunha canción de berce que Manuel lle dedicou á súa dona, Lucía, e aquí reproducimos:
“Si queres que brille a lúa
pecha os ollos, meu amor’e,
que mentras os tes abertos
a lúa pensa que hai sol’e”
De Aguiño ao ceo.
Descanse en paz, querido Manolo.





