A Xunta impulsa unha rede de seguimento de bolboretas en Corrubedo, Aloia e Xurés

08 Xaneiro 2023

A Xunta de Galicia está a traballar no deseño e posta en marcha dunha rede de seguimento de bolboretas nos parques naturais Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregán e Vixán, e Baixa Limia- Serra do Xurés, tres espazos cunha presenza importante deste tipo de insectos que
supoñen un bo indicador ambiental á hora de detectar posibles cambios nos ecosistemas e cuxo seguimento, polo tanto, resulta de grande interese.
De feito, as bolboretas están consideradas como unha das especies de fauna e flora que requiren dunha atención especial debido á súa importancia ecolóxica xa que se trata dun dos indicadores de biodiversidade máis utilizados a nivel europeo e mundial.
Partindo desta premisa, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu impulsar este ano un programa de seguimento de bolboretas en tres dos seis parques naturais de Galicia que, apoiado nunha rede de voluntariado, permita actualizar e melloraro coñecemento existente sobre as poboacións destes insectos en cada un dos referidos espazos naturais.
Como primeiro paso, o pasado verán expertos da Sociedade para a Conservación e o Estudo das Bolboretas en España (Soceme) impartiron tres cursos formativos —un en cada parque— dirixidos a persoas interesadas nestes lepidópteros e dispostas a colaborar na elaboración de censos específicos que permitan estudar tendencias e establecer indicadores que poidan axudar á súa conservación, ao tempo que se obtén un coñecemento moi valioso sobre o estado da biodiversidade destes tres espazos naturais a través do estudo dos seus insectos e hábitats.
Grazas a estas accións formativas, que incluíron talleres de identificación de bolboretas, a Consellería xa conta cunha rede de voluntarios ambientais dispostos a participar na elaboración dos primeiros censos.
A tal fin, definiranse en cada parque diferentes transectos ou percorridos, de entre 1 e 2 quilómetros e escollidos pola representatividade deste grupo biolóxico, co fin de que cada 15 días as persoas que colaboran no proxecto realicen o traxecto tomando notas sobre os exemplares e especies que avisten.
Este labor de mostraxe será clave para elaborar os referidos censos polo que a Xunta ten pensado repetir a formación realizada o pasado verán co fin de sumar novos voluntarios a esta iniciativa de ciencia cidadá.
Así mesmo, no marco deste mesmo proxecto, o Executivo autonómico tamén elaborou tres folletos divulgativos nos que se recollen de forma moi visual e compendiada as variedades máis presentes e características de cada un dos parques seleccionados.
Cunha tirada inicial de 750 exemplares, en galego e en castelán, estas guías estarán dispoñibles en papel no mes de xaneiro nos centros de interpretación de Monte Aloia, Corrubedo e Xurés para ser repartidas entre os visitantes, e tamén se poderán consultar en formato dixital na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O programa, impulsado de forma pioneira nos tres parques naturais referidos e que terá continuidade en 2023 coa previsión de elaborar os primeiros censos a partir de primavera, está cofinanciada nun 80 % con fondos europeos FEDER.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.