
Nos últimos días de novembro a Casa da Cultura de Outes recibiu as visitas do alumnado do CEIP Plurilingüe local e de estudantes de cuarto curso da ESO do IES Poeta Añón. Fixérono para visualizar a exposición Nós tamén fomos emigrantes de Afundación Obra Social Abanca. A mostra, que puido visitarse até este 3 de decembro, contaba cunha selección de 40 fotografías de Axencia EFE sobre a emigración galega e española, principalmente dos anos 40, 50 e 60.
Esta exposición enmárcase no programa Cultura por Alimentos, unha iniciativa de Afundación a favor da Federación Española de Bancos de Alimentos. De feito, seguindo este espírito solidario, o alumnado do CEIP e do IES colaborou coa doazón de alimentos non perecedoiros, que irá destinado ao banco de alimentos local (Cáritas Outes).




