O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta por valor de 10M€

18 Novembro 2022

O BNG presentou publicamente as emendas que rexistraron aos Orzamentos da Xunta para o ano 2023 e que ascenden a un total de 10 millóns de euros. A deputada pobrense Rosana Pérez, acompaña polo responsábel comarcal no Barbanza, o ribeirense Luís Pérez, e o concelleiro boirense Carlos Ansoar, detallou que “ é unha burla dicir que reforzan os servizos públicos e están pensados para as familias como dixo o Partido Popular, porque seguen recortando en Sanidade, Educación, non se mellora a atención de persoas maiores, por só citar algúns exemplos”.

Pérez Fernández recoñeceu botar en falta “maior investimento no ámbito sanitario” porque “seguen fechados os consultorios de Cabo de Cruz (Boiro) e Taragoña (Rianxo) e agora a veciñanza de Corrubedo xa se concentra para evitar o feche do seu centro médico”. Alén dos centros sanitarios do rural, tamén criticou o que considera “unha falta de investimentos nos xa colapsados centros de saúde de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo”.

Rosana Pérez tamén lanzou críticas sobre os investimentos para A Pobra do Caramiñal e Boiro, “xa que parece que A Barbanza só ten dous concellos” asegurou. A deputada nacionalista deu conta dunhas propostas de mellora baseadas, dixo, “nas necesidades e demandas máis urxentes e necesarias para as veciñas e veciños da Barbanza”. E engadiu: “Estas emendas son un exemplo de que cos mesmos cartos é posíbel facer unha política distinta, centrada nas necesidades actuais da veciñanza e atendendo as súas demandas, de cara á mellora económico-social dunha das comarcas máis dinámicas do país”.

Máis investimento en sanidade

Pérez Fernández detallou que nos Orzamentos levan anos consignándose partidas como a da ampliación do Hospital da Barbanza. “Dende 2020 poñen 589.200 euros no papel pero nunca se executan”, dixo, ao tempo que esixiu ampliar o hospital “dunha vez por todas”, dotar a Ribeira dunha ambulancia medicalizada, ambas emendas por valor de 660.000 euros.

Política social e educación

Os nacionalistas puxeron en valor o seu traballo para conseguir que Ribeira teña unha nova residencia pública de maiores pero ante o elevado déficit que existe e que na comarca hai 15.000 persoas maiores de 65 anos propoñen “unha partida de 2,5 millón de euros para crear outra en Boiro” e “600.000 euros para adecuar o Pazo de Rianxiño como centro de día”.

Tamén se propón a reforma integral do CEIP Castelao que “adoece dunha mellora das instalacións que permita desenvolver a súa actividade”, dixo.

Conexión ferroviaria

As emendas presentadas polo BNG recollen “unha vella demanda da veciñanza da comarca que aínda non atopou acollida nos plans económicos e de mobilidade da Xunta”. Trátase da conexión ferroviaria da Barbanza. Os nacionalistas propoñen elaborar un estudo, valorado en 500.000 euros, buscando poñer solución a unha necesidade que afecta a toda a sociedade barbancesa.

Medio ambiente, saneamento e cultura son outras das partidas que solicitan

Por último desde o BNG inciden en que “é preciso destinar 23 millóns de euros a un plan completo de rexeneración da ría de Arousa para que siga sendo un motor económico imporante”. Proponse tamén destinar 800.000 euros para completar o saneamento integral de Rianxo e 156.000 euros en musealizar a casa de Rafael Dieste. Inclúese unha emenda para investir 2 millóns de euros para mantemento dos portos e 1 para abrir canles de auga no porto comercial da Pobra. Por último tamén se inclúe a proposta de destinar 150.000 a accións específicas de conservación e educación ambiental no Parque Natural de Corrubedo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Domingo tregua na choiva e temperatura baixa para a época

Nesta xornada Galicia continuará con inestabilidade atmosférica debido a presenza de aire frío en altura. Polo tanto, teremos ceos nubrados con chuvascos localmente treboentos durante a mañá no norte da Comunidade e sendo máis probables pola tarde no interior do...

“Libros y autores”. Alberto Barciela

“Libros y autores”. Alberto Barciela

En manos de una editorial inteligente, un libro o un animal pueden resultar una elegante evolución colorista. Las páginas se encuadernan para sustentar un cierto orden ideográfico y, a su vez, para soportar anaqueles de vidas y afanes. La huella genética se retrata en...