Porto do Son acolleu este venres 15 o acto de clausura do VII Obradoiro de Emprego Tahume, impulsado polos Concellos sonense e ribeirense co obxectivo de achegar á cidadanía formación teórico-práctica e inserción laboral, poñendo o foco na xente nova e desempregada. Na cita participaron os alcaldes Luis Oujo (O Son) e Manuel Ruiz (Ribeira) e máis o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, quen lembrou que este programa contoucun apoio do Goberno galego de 346.000 euros financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Trenor puxo o foco na “gran utilidade deste tipo de formación” porque, ademais de mellorar as capacidades para que os desempregados atopen un emprego, “compleméntase con traballos nos concellos e con prácticas nas empresas da contorna”. Estes cursos de formación, salientou, “céntranse tamén en áreas con alta demanda de emprego, neste caso concreto en pintura industrial en construción e en conservación e mellora de montes”. Amais, enxalzou “o compromiso dos Gobernos de Porto do Son e Ribeira coa empregabilidade” porque “levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia” e “conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de cualificación que afrontan”.




