
O solemne salón de plenos albergou esta mañá un acto co que se quixo homenaxear e distinguir á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribeira polo seu esforzo durante a pandemia.
Foron trece os integrantes desta entidade que se deron cita na sala de sesións para recoller outras tantas condecoracións nun acto que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e tamén contou coa presenza do concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Reiriz, e dos seus compañeiros María Sampedro e Ramón Doval.
Durante a súa intervención o alcalde loou o labor “imprescindible” destes voluntarios, unha agrupación que sempre está disposta a colaborar, ben na organización dun evento, ven en calquera emerxencia ou imprevisto que poida xurdir de día e de noite, restándolle horas á súa vida persoal.
Respecto á pandemia, recordou que foi unha época que lle esixiu a todo o mundo un esforzo extra, e lembrou as moitísimas cousas que fixeron os voluntarios: levar menciñas aos contaxiados, ordenadores
ás casas dos estudantes, entrega de mascarillas polos domicilios, desinfección de espazos públicos, etc…
Os distinguidos foron: Francisco Sánchez, presidente de honra da agrupación; José Urbano Mariño, Narciso Pérez, Jesús Manuel Paz, Luis Miranda, Rubén Lema, María José López, Iván Sieira, Daniel
Rodríguez, Daniel Carnota, Adrián Gude, Uxía Gude e Sabino Martínez.




