O BNG insta á Xunta a converter a conexión da autovía de Barbanza coa AP-9 por Caldas Catoira nunha vía de altas prestacións

20 Abril 2022

As reivindicacións de numerosos colectivos, tales como asociacións empresariais e os concellos da Barbanza, levan anos pedíndolle á Xunta de Galiza que asuma a titularidade da estrada provincial EP-8001 que une a ponte de Catoira coa AP-9 en Caldas de Reis e a converta nunha vía de alta capacidade que enlace a autovía da Barbanza coa autoestrada.

Esta estrada constitúe a saída natural dende a comarca da Barbanza cara á provincia de Pontevedra, comarcas do sur de Galicia e Portugal, polo que soporta un elevadísimo tráfico diario, gran parte del pesado, conformando un eixo vertebrador entre dúas provincias. Por se fose pouco o número de sinistros, algúns deles mortais, convértena nunha vía perigosa.

A deputada, Rosana Pérez Fernández, recriminou que o goberno incumpre o acordo subscrito coa Deputación de Pontevedra no ano 2010 para facerse coa titularidade da EP-8001 e bloquea a súa mellora. Pérez Fernández detallou que a Consellaría de Infraestruturas incluíra a mellora deste enlace no Plan Move 2009-2015 e fixara a súa execución no ano 2017 pero “ata o momento o goberno galego incumpre as súas propias previsións”.

A nacionalista censura que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade “bote balóns fóra” dicindo que non hai solicitude formal para o cambio de titularidade da estrada cando as Deputacións da Coruña e de Pontevedra levan anos solicitando o seu traspaso e a súa mellora.

“É necesario que esa estrada sexa de titularidade e de xestión autonómica e que o acordo entre as tres administracións chegue canto antes, como primeiro paso cara a unha mellora da conexión entre o sur da provincia da Coruña e a provincia de Pontevedra e Portugal, a través da posibilidade de unión entre a AG-11 e a AP-9” aseverou Pérez Fernández.

Pola súa banda, o alcalde rianxeiro, Adolfo Muíños asegurou que os pronunciamentos, as demandas e os acordos de moitos dos concellos situados a ambas as dúas marxes do río Ulla teñen sido numerosos durante, cando menos, os últimos dez anos. “É moita hora de que o goberno galego os comece a ter en conta e a incluílos na súa programación viaria de cara o futuro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.