“O home que falaba coas dornas”. Antón Luaces

17 Febreiro 2021

Non tiñan segredos para el. As dornas, esas embarcacións tan típicas das Rías Baixas que, vai 60 ou 70 anos aínda ateigaban as praias da Illa, de Cambados, de Vilagarcía, de Vilanova; as de Castiñeiras, A Ameixida, O Touro, Fontán, A Pedra Pateira, a praia de Colomer, a praia do Alemán, os areais de Palmeira, de Aguiño e Corrubedo (en Santa Uxía de Riveira) e da Pobra do Caramiñal: praias da Illa, de Cabío, de Niñeiriños, do Areal, da Lombiña; de Boiro: a inmensidade de Barraña, a da Ribeira Grande e as de Mañóns e Ladeira; en Rianxo: as de Tanxil, As Cunchas ou A Torre; en Noia, o Testal ou a de Broña; ou as do Fonforrón e Aguieira en Porto do Son, entre outras moitas, ficaban varadas proa ao mar -sempre se vararon de popa- para rematar apoiadas na reciedume das escoras de babor e estribor e cos toletes que nacen na regala desafiando a forza do dorneiro, que fai do remo o motor da ilusión.

Praia de Colomer anos 60. Arquivo Joferpa. riveira.eu

Non, as dornas eran coma un libro aberto para Juan, mariñeiro riveirense dende os 8 anos, primeiro co avó e posteriormente co pai, de quen herdou a dorna branco e negra con folio Vill. que xa seu pai herdara cando vivían naquela casa do Pombal, ás cabalgadas sobre a Amarella. Juan fíxose maior -non vello- navegando nos ríos de Centroeuropa. Un mariñeiro pescador convertido en navegante de río. Nunca se lle pasara polos miolos un cambio tan radical e non porque se sentise menos mariñeiro. Pero non era o mesmo: navegar polos ríos, sempre na curta distancia da ribeira, non era andar ao mar. Como tampouco era o mesmo o peixe de auga doce ca o de mar. Nen os salseiros era iguais. Porén aproveitaba as cinco ou seis semanas de vacacións para volver ao mar na dorna herdada, a “Cuca”, e usar de novo os vellos aparellos, as vastadas liñas, repoñer os anzós oxidados, reutilizar as nasas, sentirse unha outra vez “home de mar”, mariñeiro. E pescador.Cando cumpriu os 55 anos, Juan desembarcou definitivamente. Pediu a conta. Volveu á casa, coa muller, cos fillos e un par de netos preto del. E a media mañá, cada día, arranchaba a “Cuca”. Poñía en orde a motor fora de borda, repasaba remos e estrobos (nunca se sabe), comprobaba o leme, limpaba todo o que estaba lixugado e, si o día non estaba para sair ao mar, ía visitar as dornas de cada praia da contorna. Dicían del que non estaba moi ben de cabeza, pero Juan sabía perfectamente o que facía: hoxe mesmo  falou na praia da Ameixida coa “Sagres II”, que pinta de roxo. É das poucas que quedan na que fora unha verdadeira “reserva de dornas” e onde os carpinteiros de ribeira construían as súas tan mariñeiras como as que máis e cunha certa saudade històrica que levaba a lembrar aquelas embarcacións empregadas polos viquingos para asaltar pobos, roubar os tesouros que estes acubillaban e, de paso, raptar mozas que levaban a súas terras frías da Escandinavia. Juan falaba destas cousas, e outras que nunca contou, nesas paroladas que botaba un día e outro tamén con cada unha das dornas.Gozaba coma un neno cando correspondía carenalas: o recendo inesquecible das “pedras” de brea fervendo no pote a carón mesmo da dorna, as fías aviadas para seren introducidas nos espazos que quedaban entre as táboas da armazón da embarcación, as brochas, as pinturas… cada dorna unha historia, cada historia un como foi.. Así un día após outro, falando coas dornas, coñecendo a historia de cada unha, asumindo erros cometidos por outros oara deste xeito emendar e comezar a historia onde estara rematara antes. Juan falaba coas dornas e a xente coidaba que estaba tolo. Mais sabía perfectamente o que facía. O que pasa é que os demáis non entendían o idioma do salitre, por que un remo se queixaba nun renxer sistemático. Non se sabía da fala das velas e Juan mantiña longas conversas sobre estas cada vez que se desprazaba polos areais que antes ocupaban as dornas e agora son persoas as que varan de permañecen ao sol con carenas moi especiais que cheiran a especias e non a brea.    “Falar coas dornas é fundamental para ser un bo mariñeiro -díxome un día Juan-. Elas saben das pedras fanequeiras, coñecen os agochos dos polbos e como as luras van sempre na percura de comida, rínse das lorchas escamudas e saúdan de lonxe ás xulias. As dornas coas súas velas peculiares de relinga que fan xeometría asimétrica no ar sempre describen historias e hai que entendelas. Sí, falar coas dornas é comprender e compartir un idioma ancestral no que o home de mar, o mariñeiro, está esquecendo porque tamén as dornas van desaparecendo das praias e só quedan nunhas fotografías e nos grupos de xente do face booq.    E seguía a camiñar, praia a praia, para compartir coas dornas os tempos  xa perdidos nos que se podía falar con elas de todo e sempre con respostas asisadas.     “O día que non fale coas dornas será porque xa non teñen que dicirme ou que eu non podo contarlles nada. Será daquela cando me suba ao lombo do orco para ir morrer nas pedras de Rúa, no medio da ría, onde se agochan os piobardos en noite de lúa”.     

Dixo Juan. E eu créollo, abofé.

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.