
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, destacou hoxe que “a planta de transferencia de SOGAMA en Santiago permite a xestión eficiente dos residuos das comarcas de Compostela e Barbanza”. Coincidindo coa Semana Europea de Prevención de Residuos, que este ano se celebra baixo o lema Cuestionemos as nosas decisións. Valoremos os nos recursos, Nicolás Vázquez visitou as ditas instalacións este mércores 25 de novembro, que a Xunta prevé ampliar e modernizar o ano que vén.
Dixo tamén que a intervención prevista pola Xunta contribuirá a “dar unha resposta eficaz ante o incremento do 35% na recepción de residuos tras a adhesión dos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza ao modelo SOGAMA” e engadiu que “a modernización da planta incluirá tamén unha nova tolva para biorresiduos e traducirase en melloras directas para os servizos municipais de recollida do lixo das citadas bisbarras”.
Ademais, o conselleiro fixo fincapé en que as melloras proxectadas na planta “favorecerán a redución do tempo de espera ao ampliar a capacidade de recepción e descarga simultánea para os camións municipais”. A maiores precisou que “haberá menor risco de saturación, ao habilitar unha dobre liña de compactado e maior marxe para almacenar contedores cheos”.
Así mesmo, tamén subliñou que ao dispoñer dun punto próximo para o transvasamento de biorresiduos, redúcense os custos económicos e ambientais derivados de desprazamentos longos.






