
O ensaio clínico COMBOGAL, impulsado pola Xunta para avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á COVID na poboación de 65 ou máis anos, acadou un total acumulado de 24.884 participantes ata o pasado domingo 22 de novembro.
Ao longo da pasada fin de semana rexistráronse 2.447 novas participacións, o que supón o 9,8 % do total acumulado desde o inicio do estudo. En concreto, incorporáronse 1.280 participantes o sábado 21 e 1.167 o domingo 22.
A área que rexistrou máis novas participacións durante a fin de semana foi a de Santiago de Compostela e Barbanza, cun total de 607 persoas, o que representa o 24,8 % das incorporacións rexistradas nesas dúas xornadas.
Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee encabeza o recrutamento global entre os rexistros con asignación territorial, cun acumulado de 4.552 participantes. Séguelle a área de Vigo, con 3.895 persoas, e a de Santiago de Compostela e Barbanza, con 3.762. A área de Pontevedra e O Salnés acumula 3.553 participantes; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 3.172; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 2.735; e Ferrol, 2.575.
A estas cifras súmanse 640 rexistros acumulados en distintos centros, pendentes de codificación e asignación territorial.
Finalidade do estudo
O ensaio busca comparar a protección que ofrece unha vacina combinada fronte á gripe e á COVID coa que se consegue ao administrar ambas as vacinas por separado. O estudo avaliará cal das dúas estratexias reduce máis o risco de hospitalización, complicacións e falecemento asociados a estas infeccións nas persoas de 65 ou máis anos.
A vacina combinada xa foi testada e autorizada, polo que o obxectivo da investigación é determinar cal é a estratexia de vacinación máis axeitada para protexer a poboación maior.
Na actualidade, o ensaio continúa activo nos 71 centros de saúde participantes. As persoas de 65 ou máis anos interesadas en participar poden solicitar cita a través de SERGAS Móbil ou no teléfono 900 842 217. Toda a información sobre o estudo está dispoñíbel na súa páxina web.
O recrutamento nos centros de saúde irá rematando de xeito progresivo en función da participación de cada centro, culminando co peche definitivo de todos os centros restantes o 18 de decembro.




