
Moitas veces teño pensado na vida que terei perdido por non ser mestre, como era a miña intención cando en Vilalba estudaba a única carreira posible, como non fose acudir ao Seminario. Levoume o vento cara á cultura e a información, e non me pesa, aínda que teño frescas tres recentes experiencias de mestres que me descubriron mundos apaixonantes no ensino.
Un, José Carlos Ulloa, que nos Franciscanos deu unha maxistral conferencia sobre o ensino nos últimos corenta anos, deixándonos abraiados aos presentes coa experiencia cos seus primeiros alumnos, aos que tiña que razoarlles por que había que estudar cando eles, sen estudos, nunha noite de tabaco gañaban máis ca el en todo o curso.
Outro, Javier Vázquez, agora concelleiro de Cultura en Lugo, que cando atende aos nenos que visitan a institución, se transforma no mestre que todos quixeramos ter tido, e conquista aos nenos coa palabra, o humor e o oficio de ensinar.
E outra moi nova, Alba, miña bisobriña, que escolleu Pedrafita como colexio para ensinar e vivir, e recibe acotío leccións de ruralidade dos seus alumnos que xogan nos recreos a ser gandeiros, coma seus pais, sendo os cortellos unhas vellas colchonetas que ela coidou que había que tirar porque parecían non valer para nada.
Ulloa díxome que o meu mundo era fermosisimo, e que nel atopaba todo para ser feliz. E é verdade. Pero eu sigo matinando que algo importante me teño perdido cando sei que ao preguntarlle Alba aos seus alumnos que querían ser de maiores, unha nena díxolle con entusiasmo que quería ser vaca.
Ese mundo tan especial, inocente, ledo… de fantasía e ensoños, tiña que ter sido o meu. Magoa!.



