
O Ateneo Valle-Inclán de Ribeira acolleu onte a presentación oficial do libro Folerpas no mar, da autora María Xesús Blanco. Na cita literaria, que contou con gran afluencia de público, participou a autora acompañada de Marcos Calveiro, director xeral da Editorial Galaxia, e da alcaldesa María Sampedro. Tamén interviñeron José Carlos Matilla, da directiva do Ateneo Valle-Inclán, e Encarna Pego e Daniela Martínez, vicepresidenta e secretaria da A. C. Barbantia,
A iniciativa contou co impulso conxunto da Asociación Cultural Barbantia, Editorial Galaxia e o propio Ateneo Valle-Inclán.
O libro, publicado polo selo Galaxia dentro da súa colección infantil e xuvenil Árbore e enriquecido coas ilustracións de Sheila Broullón, constitúe unha das novidades editoriais máis agardadas da temporada no eido literario galego.
Folerpas no mar é unha novela infantil publicada en setembro de 2026. A historia xira en torno a Zahi, un neno que ten os ollos da cor do mar e vive coa súa nai, Shena, nun pequeno apartamento na cidade. O seu pai, Xoán, pasa longas tempadas fóra e únese a eles cando volve. A trama principal transcorre durante unhas vacacións de decembro na fermosa aldea de Buxaina, na casa dos avós, onde Zahi vive unha fabulosa aventura acompañado por eles e pola cadela Furna.
María Xesús Blanco é unha xornalista e escritora de Melide, aínda que leva máis de 20 anos afincada no Barbanza, dende onde dirixe a Asociación Barbantia, entre outras iniciativas de dinamización cultural.




