O histórico dirixente político, economista e escritor morreu este xoves tras empeorar o seu estado de saúde nas últimas semanas.

O histórico dirixente do nacionalismo galego e referente intelectual do país, Xosé Manuel Beiras Torrado, faleceu este xoves aos 90 anos de idade. O seu pasamento prodúcese tras varias semanas nas que o seu estado de saúde se viu deteriorado, circunstancia que motivou o seu recente ingreso hospitalario. Con el desaparece unha das figuras máis influentes, singulares e decisivas da vida política e cultural de Galicia do último medio século.
Catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Beiras iniciou o seu compromiso político durante o franquismo desde a oposición á ditadura e a militancia galeguista. En 1963 participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG), formación da que chegou a ser secretario xeral, para posteriormente centrar o seu labor na articulación do nacionalismo contemporáneo. En 1982 foi peza fundamental na creación do Bloque Nacionalista Galego (BNG), organización que liderou durante máis de dúas décadas como voceiro nacional e coa que acadou o liderado da oposición no Parlamento de Galicia a finais dos anos noventa.
A súa traxectoria parlamentaria estivo marcada polo seu estilo oratorio apaixonado, culto e combativo. Tras décadas na cámara galega e despois de discrepancias co rumbo do Bloque, en 2012 protagonizou unha nova sacudida no mapa político coa fundación de Anova-Irmandade Nacionalista. Ese mesmo ano encabezou a coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que irrompeu con nove deputados no Hórreo nun resultado histórico que anticipou o ciclo das confluencias e o posterior nacemento de En Marea.
Nos últimos anos, xa retirado da primeira liña institucional mais sen abandonar a súa voz crítica e o debate de ideas, Beiras propiciou unha progresiva reconciliación co espazo político do que fora fundador. Este achegamento culminou de xeito explícito nas eleccións autonómicas de 2024, cando expresou publicamente o seu apoio á candidatura do BNG liderada por Ana Pontón, un xesto que simbolizou a recomposición de pontes e a unidade entre os distintos sectores do soberanismo galego.



