
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Porto do Son, José Luis Oujo, analizaron hoxe medidas para mellorar e reforzar a garantía do abastecemento de auga no municipio. A conselleira fixo fincapé en que “un dos eixes fundamentais para garantir un servizo de calidade á cidadanía é evitar as fugas de auga” e, nese senso, salientou que “O Porto do Son sexa un dos concellos que xa realizou unha auditoría da súa rede de abastecemento para coñecer o seu estado real, identificar as deficiencias e determinar as accións a acometer para solucionalas”.
Ángeles Vázquez lembrou que, no marco da cooperación que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mantén cos concellos para apoialos no exercicio das súas competencias nesa materia, Augas de Galicia convoca anualmente “varias liñas de axudas para acometer actuacións hidráulicas que contribúan a mellorar as redes de abastecemento”, sinalou ao tempo que animou ao alcalde a solicitar as axudas dirixidas a concellos para a execución de actuacións para minimizar as perdas de auga.
Pola súa banda, o rexedor sonense expuxo os proxectos nos que o Concello está a traballar para mellorar o servizo, tanto no relativo ao reforzo das captacións como á modernización dos sistemas de bombeo e das estacións de tratamento de auga para consumo e á dixitalización das instalacións. A maiores, trasladou distintas propostas encamiñadas a incrementar a garantía do abastecemento, especialmente ante episodios de seca ou escaseza.



