
A concelleira de Cultura de Ribeira, Ana Barreiro, recibiu hoxe a integrantes de Píscore, a compañía teatral pertencente a Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega que establece a súa residencia artística no novo Auditorio municipal do 7 ao 9 de outubro ao abeiro do acordo de colaboración asinado entre o Concello e a entidade. Nomeadamente, saudou a Erica Pereiro, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.
Durante estes días, ultimarán a posta en escena da súa nova montaxe Comed[IA], que terá a súa estrea absoluta en Ribeira no marco da mostra de teatro no venres, 9 de outubro, ás 21.15 horas.
Ademais, como antesala, no xoves, 8 de outubro, ás 12.00 horas, haberá unha pre-estrea matinal dirixida a público escolar dos centros educativos de todo o municipio (dende 5º de Primaria a toda Secundaria).

“O Auditorio Municipal de Ribeira representa o corazón dende o que latexa cultura a cada espazo do noso municipio. Esta é unha infraestrutura cunhas prestacións excepcionais que tamén leva parella unha programación de calidade como se demostra coa actividade que acolle. Pero este Goberno municipal quere ir máis alá e seguir potenciando este recurso, polo que no pleno ordinario do mes de setembro aprobamos a adhesión á Rede Galega de Teatros e Auditorios que permitirá situar a Ribeira no mapa dos grandes escenarios de Galicia, optimizando o uso dos espazos culturais e garantindo o acceso da veciñanza a espectáculos profesionais de primeiro nivel”, manifestou a edil.
Ao devandito engadiu que outro dos usos previstos para esta instalación é a de residencia artística para dar apoio e colaborar de maneira máis directa cos artistas, polo que “este tipo de accións como poden ser ensaios abertos ou residencias artísticas tamén contribúen a potenciar o noso Auditorio e seguir traballando para convertelo nun centro cultural de referencia a nivel galego”.
Para Barreiro, este tipo de iniciativas tamén contribúen a difundir o nome e a imaxe do municipio, pois, na cartelería da xira e material promocional de Comed[IA], figurará en todo momento o logo do Concello de Ribeira nos distintos lugares onde actúen.
As anteriores residencias artísticas que houbo na localidade foron no ámbito da danza coa compañía de Fran Sieira, no 2024, e no teatro coas compañías Vórtice Escénico+Ancorase+CDG e outra con ALÖ Producións, no 2025.
En Comed[IA], o público mergullarase no universo da carreira espacial pasada, presente e futura, as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial e tódalas incógnitas que agocha o espazo exterior. Dirixida por Fran Rei, nesta cuarta montaxe de creación propia, Píscore ofrece unha nova dose de humor e música, con gags trepidantes, referencias cinematográficas, unha visión divertida da actualidade e novos instrumentos, como o theremin ou o otamatone.
E todo isto con astronautas, extraterrestres, naves espaciais e o Universo de fondo.



