O sábado 3, San Francisco de Asís, caracterizarase por unha alternancia de nubes e claros en boa parte do territorio. Co paso das horas, especialmente durante a tarde, agárdanse chuvascos acompañados de aparato eléctrico que afectarán con maior probabilidade ás comarcas do interior, onde poden chegar a ter puntualmente intensidade localmente forte. Pola súa banda, a Mariña de Lugo presentará un panorama diferente debido ao fluxo do nordés, con ceos cubertos e orballos que terán carácter persistente.
No referente aos termómetros, rexistrarase un ascenso das temperaturas de lixeiro a moderado, un incremento que se percibirá de maneira máis notable nos valores mínimos.(Máximas de 26 a 30 graos).
Os ventos soprarán de compoñente norte-nordés, con intensidade frouxa no interior e moderados no litoral norte. Mentres, na provincia de Ourense e no sur de Lugo predominará o vento frouxo de dirección sueste.

O noso mar; vento do nordés á mañá, do norte á tarde e do nordés á noite, forza 2 a 4 á mañá e á noite e 2 a 3 á tarde. Mar ovellado á mañá e á tarde e marusía á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros.



