
O Concello e veciñanza de Noia van homenaxear este domingo ao profesor e escritor Sebastián Paz Suárez (Noia, 1943), neto do compositor Felipe Paz Carvajal e comprometido coa recuperación e reivindicación da historia do seu avó, destacado autor musical, director de orquestra e organista galego nacido en Pontevedra o 23 de agosto de 1850 e finado en Noia (A Coruña) o 15 de novembro de 1918 (Paz Carvajal, avó de Sebastián Paz, é recoñecido historicamente como unha das figuras máis relevantes da música de bandas e coros en Galicia a finais del século XIX e principios do XX).
Volvendo a Sebastián Paz, cómpre destacar que adicou anos da súa vida a buscar, reunir e conservar centos de partituras, moitas delas inéditas, evitando que unha parte tan importante do patrimonio musical de Noia caese no esquecemento.
Agora, Sebastián decidiu doar todo ese legado ao Conservatorio Profesional de Música de Noia, que leva precisamente o nome do seu avó. En palabras do Consistorio, “trátase dun xesto dunha enorme xenerosidade que permitirá conservar, estudar e, sobre todo, volver escoitar estas composicións”.
Por iso, este domingo o Concello vaille adicar “unha merecida homenaxe”, agradecéndolle persoalmente tantos anos de dedicación e “celebrando que todo ese traballo queda agora na nosa vila, ao coidado das futuras xeracións de músicos”.
Máis alá do seu labor de varias décadas de recuperación do patrimonio do seu avó, Sebastián Paz Suárez conta cun camiño propio na cultura galega. Foi mestre de Ensino Primario, profesor de música e subdirector da coral de Noia. Como compositor musical, destaca a súa dedicación ás masas corais e pezas coma o seu Ave María, que chegou a ser interpretado en templos emblemáticos de Madrid e retransmitido a nivel nacional por Radio Nacional de España. É tamén autor de poemarios como Sueños en la infancia (2003) e volumes de narrativa como Contos de encantamentos (2013), editados pola editorial noiesa Toxosoutos.
Domingo, 4 de outubro
12:30 horas
Teatro Coliseo Noela
Entrada libre ata completar aforo.



