
Máis de 550 persoas acudiron este pasado mércores ao Liceo de Noia para participar nun encontro literario e radiofónico coa xornalista Nieves Concostrina, que conversou sobre a súa obra, os seus libros e a súa traxectoria na radio.
Concostrina stivo acompañada polo alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, e por José M. Romarís, activista cultural local que se encargou de presentar a relatora ante o numeroso público reunido. Aínda que inicialmente a charla estaba previsto que se celebrase no Coliseo Noela, finalmente trasladouse ao salón da Sociedade Liceo de Noia para poder dar cabida a un maior número de asistentes. De feito, o público encheu por completo o aforo dispoñíbel do escenario finalmente escollido. O encontro congregou a máis de 550 persoas que desfrutaron das historias e do estilo próximo e ameno da xornalista.
Nieves Concostrina Villarreal é unha recoñecida xornalista, escritora e divulgadora histórica española (nada en Madrid o 1 de agosto de 1961).
Formouse en Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid e traballou no desaparecido Diario 16 entre 1981 e 1997. Máis tarde colaborou en televisión con Antena 3 e Vía Digital. Tamén dirixe a revista especializada Adiós Cultural e escribe columnas de opinión para medios dixitais.
O seu grande éxito chegou a través da radio, onde achega a historia ao público cun ton divertido e familiar. O seu espazo diario máis popular é Acontece que no es poco, emitido dentro do programa La Ventana da Cadena Ser.
Entre os seus libros máis vendidos atópanse Menudas historias de la historia, Polvo eres, Se armó la de San Quintín, Cualquier tiempo pasado fue anterior e a súa novela Pretérito imperfecto.
O seu labor de comunicación e divulgación foi recoñecida con importantes distincións en España, entre as que destacan o prestixioso Premio Ondas (2016) e o Premio Micrófono de Oro (2010).




