- Unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos bombeiros e trasladada en estado grave.
- O sinistro mobilizou a bombeiros, sanitarios do 061, Protección Civil e Garda Civil.Bomebriso

Dúas persoas resultaron feridas na noite do xoves tras verse involucradas nun aparatoso accidente de tráfico rexistrado no concello de Boiro. O suceso produciuse contra as 23:15 horas no quilómetro 3 da estrada DP-1107, no lugar da Pesqueira (parroquia de Castro).
A alerta activouse tras o aviso dun particular ao 112 Galicia. Segundo a información facilitada, o turismo circulaba por ese punto cando se saíu da vía e acabou batendo contra outros dous coches que se atopaban aparcados.
Por mor do impacto, dous ocupantes sufriron feridas. Unha das persoas afectadas tivo que ser excarcerada polos bombeiros do interior do habitáculo e posteriormente foi trasladada en ambulancia en estado grave. Os feridos foron atendidos no mesmo lugar e evacuados polo persoal sanitario.
No dispositivo de emerxencias despregado participaron efectivos dos Bombeiros do Consorcio da Coruña con base en Boiro, ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazadas desde Boiro e Ribeira, o Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro e axentes da Garda Civil. Desde os servizos intervenientes reiterouse a importancia de extremar a precaución ao volante.



