O Concello da Pobra prevé 750 asistentes ao Xantar de Confraternidade das Persoas Maiores

01 Outubro 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá da man do alcalde, José Carlos Vidal e Estefanía Ramos concelleira de Servizos Municipais, Turismo e Igualdade, unha nova edición do Xantar de Confraternidade para as Persoas Maiores de 60 anos, unha cita xa consolidada e que cada ano reúne a centos de veciños e veciñas nunha xornada de encontro, convivencia e celebración.

O Xantar levarase a cabo o 30 de outubro.

Segundo explicaron, este ano o encontro terá como escenario o Pavillón Municipal da rúa Venecia e nel agardase que se dean cita unhas 750 persoas, o que, sinalaron, “dá boa mostra da importancia que ten esta actividade para as persoas maiores da vila e do seu interese por compartir este día de festa cos seus compañeiros e compañeiras”.

Para o Goberno municipal é importante manter e impulsar este tipo de celebracións para fortalecer o espírito de convivencia na vila e porque “as persoas maiores de 60 anos forman parte fundamental da nosa sociedade e da vida do noso concello, e cremos que tamén merecen espazos para desfrutar, para reunirse e para compartir momentos de lecer” segundo manifestou José Carlos Vidal na presentación desta mañá.

Pola súa desde a Concellería de Servizos Municipais, Turismo e Igualdade, indicouse que o servizo de catering atópase en proceso de licitación, cun orzamento de 37.875 euros. A composición do menú contará con dous pratos de marisco, peixe, carne e sobremesa, para ofrecer aos participantes unha comida completa e acorde cunha xornada tan especial.

As entradas, que terán un prezo de 18 euros por persoa, poderán adquirirse no andar baixo da Casa do Concello, desde o luns 5 ata o xoves 15 de outubro, en horario de 9:30 a 14:00 h. As ás persoas empadroadas na Pobra terán prioridade para o acceso as mesmas. A partir do venres 16 e ata o venres 23 de outubro, abrirase o prazo para que poidan adquirir as súas entradas as persoas que non estean empadroadas na Pobra. A organización quere lembrar que o pago deberá realizarse de maneira preferente con tarxeta bancaria, para facilitar a xestión da venda das entradas.

Desde o Concello trasladan o agradecemento a todas as persoas, empresas e entidades que “fan posíbel a organización deste evento”, sinalaron o alcalde e a concelleira, salientando o labor “de todos os voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que estarán presentes e axudarán no correcto desenvolvemento do evento, e sobre todo garantindo a seguridade e o benestar de todas as persoas participantes”.

Nesta xornada festiva, estará presente a música da man do grupo de gaitas Trécola que será o encargado de recibir aos comensais á súa chegada e, despois do xantar, contaremos coa actuación musical do grupo da artista pobrense Mar Dávila.

Desde o Concello convidase a todas as persoas maiores de 60 anos a participar nesta xornada, que vai moito máis alá do propio xantar. É unha oportunidade para reencontrarse, compartir, conversar e desfrutar dun día de festa todos xuntos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.