Comeza outubro baixo o dominio das altas presións, o que propiciará unha xornada de progresiva estabilización meteorolóxica e ausencia xeral de precipitacións.
O día comezará con bancos de néboa e nubes baixas en diversos puntos do interior. Co avance da mañá esa nubosidade matinal tenderá a desfacerse, dando paso a ceos con intervalos de nubes altas en boa parte do territorio.
No tocante ás temperaturas, rexistrarase un comportamento dispar: as mínimas experimentarán un descenso de lixeiro a moderado que deixará un comezo de xornada máis fresco, mentres que as máximas tenderán a subir suavemente, de forma máis visible na metade sur (máximos 21 a 24 graos). O vento soprará de compoñente nordés, frouxo no interior e moderado na franxa costeira.

O noso mar: Vento do leste á mañá, do norte á tarde e do nordés á noite, forza 1 a 2 á mañá e 2 a 3 á tarde e á noite. Mar rizado á mañá e mar ovellado á tarde e á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros.



