Alumnado de Harvard coñece a actividade dos centros de transformación alimentaria da Deputación da Coruña en Baroña e Brión

30 Setembro 2026

A deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, acompañou hoxe a un equipo da Universidade de Harvard na súa visita ao Centro Colaborativo e de Transformación Alimentaria de Baroña (O Porto do Son). A xornada forma parte dunha investigación que analiza a sostibilidade económica a longo prazo de espazos de transformación agroalimentaria como os que implantou a Deputación en Baroña e Brión, ambos integrados na Rede Provincial de Coworking. O equipo visitará mañá o centro brionés.

Segundo explicou a administración provincial, o estudo busca “identificar fórmulas que permitan consolidar estas infraestruturas compartidas, que facilitan que os pequenos produtores locais transformen e comercialicen os seus produtos, xerando maior valor engadido e oportunidades de emprego no rural”. Para iso, o equipo avaliará os servizos que ofrecen, os seus modelos de xestión e as posibilidades de desenvolver novas liñas de negocio.

Rosa Ana García, deu a benvida ás alumnas e salientou a importancia desta colaboración “para dar a coñecer e mellorar o modelo de centros de transformación que aplicamos na provincia da Coruña e que nos sitúan como referentes en economía circular no medio rural”.

Engadiu que a singularidade dos centros de Baroña e Brión e o seu interese como exemplos de boas prácticas motivaron a súa selección para este caso de estudo, titulado Sostibilidade económica dunha infraestrutura colaborativa de transformación alimentaria. O traballo enmárcase no programa de aprendizaxe experiencial Global Consulting Practicum, vinculado ao Master en Sustentabilidade e Desenvolvemento da Harvard Extension School e coordinado desde España polo Institut de Recerca Urbana de Barcelona (IDRA).

O director do Master, Michael Mortimer, sinalou que “este caso de estudo aborda o desafío do despoboamento do rural dende un enfoque innovador. Moitos dos desafíos son comúns a outras zonas do mundo, como o despoboamento, os incendios ou a xestión forestal. Son desafíos difíciles pero agardamos contribuír a afrontalos”

A investigación, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2026, estará a cargo dun equipo multidisciplinar de estudantes baixo a supervisión do profesorado e do equipo académico do programa. O informe final, previsto para finais de ano, servirá de base para definir un modelo de funcionamento viable a longo prazo que poida adaptarse a outras iniciativas de transformación agroalimentaria.

A visita a Baroña forma parte do traballo de campo que o alumnado realiza en Galicia entre o 28 de setembro e o 5 de outubro. A xornada comezou cunha recepción institucional e unha presentación sobre os usos tradicionais e os aproveitamentos sostíbeis dos recursos da comunidade local. A continuación, o equipo desprazouse ao monte de Baroña para coñecer sobre o terreo os sistemas de gandería extensiva e os aproveitamentos forestais e agrogandeiros da zona.

O percorrido rematou cunha visita técnica ás instalacións do centro, concibido para que os pequenos produtores poidan transformar e comercializar produtos cárnicos na súa propia contorna. Esta infraestrutura é a incorporación máis recente á Rede Provincial de Coworking da Deputación e o seu único espazo especializado na transformación de produtos gandeiros.

O equipo visitará mañá o centro Transformando en Brión para coñecer a súa actividade e experiencia neste ámbito.

A Rede de Coworking da Deputación da Coruña conta actualmente con doce espazos de traballo colaborativo, tres deles obradoiros de transformación agroalimentaria (en Baroña, Brión e Moeche), cos que facilita o acceso a instalacións e recursos compartidos para impulsar o emprendemento e a actividade económica no territorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.