
O grupo UCIN Boiro emitiu un comunicado no que reclama ao Goberno local “unha actuación inmediata ante os vertidos procedentes do pozo de bombeo de Loimar ao regato lindeiro”, unha situación, segundo indica UCIN, “que os veciños de Loimar e Ponte Beluso denuncian como constante e acompañada dun olor nauseabundo”.
O grupo engade que “o pozo de bombeo verte habitualmente cara ao regato, provocando malos olores e deixando unha auga de aspecto moi escuro”. Na imaxe que acompaña o comunicado, do 25 de setembro, “obsérvase a chegada da auga ao curso fluvial, con numerosas burbullas na superficie”, recalcan, apuntando que “a situación resulta aínda máis preocupante pola resposta dada na zona”. Así, critican, “no canto de instalar os contedores sobre unha base adecuada e afastados do cauce, foron colocados na propia ponte, xusto diante do punto polo que se produce a chegada da auga ao regato, dificultando a súa visibilidade desde a estrada e ocultando parcialmente o punto do vertido”.
Para UCIN, “non se pode solucionar un problema ambiental colocando contedores diante del”. O que corresponde, indican, “é inspeccionar a instalación, determinar que está chegando ao regato e adoptar medidas para evitar que a situación continúe”.
UCIN Boiro considera necesario que a concelleira responsable de Medio Ambiente dea explicacións sobre o coñecemento que tiña desta situación, as actuacións realizadas e os mecanismos de control existentes para evitar este tipo de incidencias. A formación exixe responsabilidades políticas e reclama “que se aclare por que unha situación destas características chega a producirse sen que exista unha resposta preventiva e eficaz”.



