Os socialistas denuncian que o Goberno local emenda as súas propostas para aprobalas e despois déixaas nun caixón sen cumprir.

O grupo municipal do PSdeG de Ribeira levará á vindeira sesión plenaria unha moción para instaurar un mecanismo de fiscalización periódico sobre as decisións do órgano municipal. A proposta solicita que o Goberno local rinda contas cada tres meses acerca do grao de execución dos acordos aprobados pola Corporación, detallando as actuacións desenvolvidas, as que seguen pendentes e as causas polas que non se levaron á práctica.
A formación socialista fundamenta esta demanda na dinámica que, segundo denuncian, vén reiterándose ao longo do último ano: o Executivo local altera as mocións da oposición mediante emendas transaccionais que son aprobadas para, con posterioridade, non executalas. “Non pretendemos que o Goberno acepte todas as propostas do PSdeG. Pode rexeitalas ou presentar unha alternativa. Pero se decide propoñer outra solución e consegue que se aprobe, debe cumprir ese compromiso ou explicar por que non o fixo”, advertiu o portavoz municipal, Fran Suárez-Puerta.
Para ilustrar este bloqueo, os socialistas apuntan a proxectos concretos paralizados en distintas parroquias. Entre eles destacan a modificación do artigo 90 da normativa urbanística sobre edificabilidade —substituída polo PP por unha emenda para tramitar un cambio puntual que segue sen iniciarse un ano despois— ou o estudo de viabilidade para a pasarela da praia do Prado, en Corrubedo.
Unha situación similar dáse en Palmeira co proxecto do aparcadoiro disuasorio xunto ao cemiterio e as medidas de acougo do tráfico pactadas por PP e PBBI fronte ao carril bici, actuacións que continúan sen desenvolverse, ao igual que as intervencións previstas no antigo Cine Millán, na rúa Correos ou o arranxo do Centro Social de Oleiros. A lista complétase coa ordenanza reguladora para o estacionamento de caravanas e autocaravanas, ratificada por unanimidade en xullo e aínda sen redactar.
Suárez-Puerta subliñou que «cando unha proposta é aprobada deixa de pertencer ao grupo que a presentou e convértese nun compromiso da Corporación coa veciñanza». O grupo socialista sostén que este informe trimestral evitará que as decisións plenarias caian no esquecemento e reforzará a transparencia institucional.



