
O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, visitaron as instalacións do Campo Municipal de Barraña xunto co presidente do CD Boiro, Marcos Martínez, para coñecer as obras de mellora e posta a punto das instalacións de cara á nova tempada.
Lembraron que o CD Boiro xogará este domingo 27 de setembro ás 18.00 horas o primeiro partido da tempada na casa logo dos traballos realizados nas últimas semanas para recuperar o céspede natural e o acondicionamento das instalacións.
Nos últimos meses levouse a cabo tamén a renovación das instalacións da cafetería do campo, unha actuación de 10.000 euros; así como tamén as obras de reconstrución dos muros exteriores e a canalización de pluviais, por importe de 38.146,11 euros; actuacións de acondicionamento das oficinas, mellora da iluminación da instalación e tamén o illamento das gradas.
O total das actuacións realizadas nos últimos meses no Campo Municipal de Barraña ascende aos 78.766,73 euros, engadiron, apuntando que estas actuacións súmanse ás realizadas nas instalacións do Campo Municipal de Vista Alegre, onde adestra tanto o CD Boiro como outros clubs do municipio. Nestas instalacións levouse a cabo a instalación de novos espazos para ximnasio, sala de fisioterapia e aula de formación, unhas actuacións por valor de 61.814,78 euros; nova iluminación en ambos campos, por valor de 35.000 euros; e outras actuacións de renovación das instalacións de fontanería, instalación dun marcador electrónico e traballos de illamento das gradas. O total das actuacións nas instalacións deportivas de Vista Alegre ascende aos 118.618,32 euros.




