
A Policía Local de Rianxo compartiu o balance de actuacións correspondentes ao dispositivo de seguridade especial activado con motivo das Festas da Guadalupe edición 2026. Por certo que o dispositivo puxo o foco nas estradas (por mor da intensa circulación de vehículos que se rexistra cada ano por esas datas en Rianxo e nos accesos ao concello e á vila) e na seguridade cidadá.
En materia de tráfico e mobilidade, tramitáronse denuncias por estacionamentos indebidos e por positivo en alcol e drogas. A Policía Local fixo saber que os estacionamentos disuasorios habilitados “funcionaron con eficacia e cubriron a demanda de todos os días de festa”. Ademais, instruíronse dilixencias por presunta circulación temeraria a un condutor que se deu á fuga tras colidir contra un vehículo estacionado na rúa Arcos Moldes o pasado día 18, poñendo en risco a varios peóns.
En materia de intervencións e seguridade cidadá, os axentes procederon á detención dun varón o día 15 de setembro por un presunto delito de danos tras romper unha cristaleira cunha pedra. O mesmo individuo foi detido de novo o día 19 por atentado, desobediencia e resistencia tras arremeter contra os axentes lanzando botellas de vidro, resistíndose á detención.
Amais, realizáronse varias actuacións e tramitáronse actas de denuncias “por algún altercado, infraccións á Lei de seguridade cidadá, consumo de alcol por menores e aprehensión de estupefacientes”
Estas actuacións tiveron unha maior incidencia no día das peñas, que “coa continua presenza policial puideron ser atalladas de inmediato”, engadiron os axentes.
A xeito de valoración final, a Policía Local fixo saber que “malia estes episodios illados, queremos destacar que o comportamento xeral da veciñanza e dos visitantes foi exemplar e que os incidentes limitáronse a feitos moi concretos que non empañaron o gran ambiente dos festexos”.



