Este venres 25 será unha xornada de transición meteorolóxica marcada pola retirada progresiva da masa de aire cálido cara ao leste, aínda que a comunidade manterase baixo a influencia anticiclónica. Este movemento provocará un descenso das temperaturas, que baixarán de forma entre lixeira e moderada en gran parte do territorio.
As primeiras horas do día estarán caracterizadas pola presenza de néboas e nubes baixas, especialmente concentradas nas rías e en varios puntos do interior. A medida que avance a xornada, a nubosidade irá disipándose gradualmente ata deixar ceos xerais moi despexados, con predominio de nubes altas. A excepción situarase no extremo norte, onde a presenza de nubes será máis persistente ao longo de todo o día. Temperaturas máximas de 23 a 25 graos.
En canto ao réxime de ventos, soprarán frouxos e de dirección variable nas zonas de interior. Na franxa costeira predominará o compoñente norte-noroeste, que aumentará a intensidade moderada durante a tarde, especialmente na contorna das Rías Baixas.

O noso mar; vento do norte á mañá, do noroeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 3 á mañá, 4 a 5 á tarde e 3 a 4 á noite. Mar ovellado á mañá, forte marusía á tarde e marusía á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros á mañá, 1.5 a 2 metros á tarde e 1.5 a 2.5 metros á noite.



