O Concello de Ribeira sacou a licitación o reforzo da iluminación da céntrica praza do Concello para, segundo informou, “solucionar puntos que resultan escuros na actualidade, o que repercute negativamente nas condicións de visibilidade, seguridade e confort dos transeúntes”. Ademais, engaden dende o Consistorio que “estas deficiencias afectan á adecuada percepción e utilización da praza en horario nocturno”.
O obxectivo é “mellorar tamén a eficiencia enerxética cun novo deseño máis eficaz”, sinalaron fontes da Administración local, engadindo que “resulta precisa a substitución e a renovación dos elementos deteriorados de alumeado existentes, mediante a instalación de novas luminarias que permitan optimizar a uniformidade na iluminación, eliminar zonas escuras e adecuar o servizo ás necesidades actuais de dita praza, mellorando así a imaxe dunha das principais áreas e con maior tránsito de todo o municipio”.
O contrato supón o subministro e instalación de seis columnas de iluminación, dotadas cada unha delas dun mínimo de seis proxectores LED, equipados coas correspondentes ópticas adecuadas ás características e necesidades do espazo.
Polo tanto, combinaranse nun só dispositivo a luz branca funcional coa iluminación decorativa de distintas cores para festividades e efemérides. Estas columnas resultan dinámicas adecuándose ás distintas funcionalidades. O prazo total máximo será de dous meses.
Esta intervención enmárcase no conxunto dun plan de mellora de toda a contorna da praza do Concello, “unha petición moi demandada pola cidadanía e que ven de ser dotada tamén dun actuación en materia de accesibilidade”, sinalaron dende o Goberno local.
O orzamento base de licitación é de 65.676,63 euros, IVE incluído. As empresas interesadas dispoñen ata as 23.59 horas do 8 de outubro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).




