A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, inaugurou na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores a segunda xornada Muller, mar e liderado, coa que a Xunta quere impulsar “unha maior participación feminina nos espazos de representación e toma de decisións do sector pesqueiro e marisqueiro”.
Tras a primeira cita celebrada o pasado martes en Arcade, esta segunda sesión trasladou á provincia da Coruña un formato eminentemente práctico co que a Consellería do Mar busca que as participantes compartan experiencias, identifiquen os obstáculos que atopan á hora de asumir novas responsabilidades e dispoñan de ferramentas que poidan aplicar no seu día a día profesional.
Villaverde incidiu “na importancia de que o peso e a experiencia que as mulleres xa teñen nos diferentes ámbitos vinculados ao mar se traduzan tamén nunha maior presenza nos espazos nos que se toman decisións”. Así, puxo o foco “na necesidade de favorecer contornas que poidan reforzar a confianza nas súas capacidades, compartir coñecementos e construír redes de colaboración que faciliten novos pasos nas súas traxectorias profesionais”.
A programación desta segunda xornada incluíu unha mesa de conversa con Rosi Nieto, directora xeral de Conservas Friscos, e Adela Lestón, mariscadora a pé de Muros, que compartiron coas asistentes as súas experiencias e visións sobre o liderado no sector marítimo-pesqueiro.
A partires destes testemuños, as participantes traballaron en grupo sobre cuestións como os recursos dos que dispoñen, os obstáculos que atopan e os apoios que consideran necesarios para avanzar profesionalmente.
A sesión completouse con tres obradoiros centrados en ámbitos concretos: A túa voz conta, orientado á comunicación eficaz; Xestión de conflitos, para abordar situacións profesionais complexas; e Desenvolve o teu potencial, destinado a identificar e reforzar capacidades persoais vinculadas ao liderado.
O ciclo Muller, mar e liderado completarase mañá venres en Burela coa terceira das xornadas programadas pola Consellería do Mar nas tres provincias costeiras galegas.




