
Co inicio do novo curso, o Concello de Ribeira deu avances na mellora e modernización das instalacións deportivas municipais. Fíxoo cunha importante renovación do equipamento do ximnasio do Complexo Deportivo A Fieiteira, que contará con novos aparellos para as áreas de exercicio cardiovascular e musculación.
A actuación articúlase mediante un contrato de subministración en réxime de arrendamento, sen opción a compra, cunha duración de catro anos (48 meses) e un orzamento total de licitación de 190.000 euros, IVE incluído.
O obxectivo é “ofrecer ás persoas usuarias do ximnasio un equipamento máis moderno, completo e adaptado ás necesidades actuais da práctica deportiva, contribuíndo a mellorar a experiencia de uso e a calidade do servizo que se presta desde o Complexo Deportivo A Fieiteira”, sinalou o Concello, salientando que “un dos aspectos destacados da contratación é que o mantemento do equipamento está incluído durante toda a duración do contrato, garantindo a conservación e o correcto funcionamento dos aparellos”.
A opción contractual é a de renting, que consistirá no alugueiro de maquinaria e incluirá o mantemento mensual durante catro anos, cun custo anual de 47.500 euros.
Dende o Concello sinalan que “a renovación do ximnasio forma parte da aposta municipal por poñer as instalacións deportivas ao servizo da cidadanía e adaptalas ás novas demandas das persoas que practican deporte”.
O Complexo Deportivo A Fieiteira é un dos principais espazos municipais para a práctica deportiva e a actividade física, polo que a actualización do seu equipamento permitirá reforzar a oferta existente e favorecer que máis persoas poidan practicar exercicio en condicións adecuadas.
Desde o Executivo local salientan que “o investimento nas instalacións deportivas é tamén un investimento en saúde, benestar e calidade de vida”.




